O alcalde dixo: “quero mandar unha mensaxe de fin de ano, neste 2020 que todos queremos esquecer e queremos que pase páxina canto antes, e que ninguén de nós se podía imaxinar, no Nadal pasado, o ano que nos viña encima, trastocando todo nas nosas vidas, na nosa sociedade, trastocando as nosas arelas lexítimas nas que estábamos a traballar para este ano 2020, que agora felizmente vai rematar. Digo felizmente, porque menos mal que a nosa fe está posta na ciencia e a nosa esperanza é a vindeira aplicación masiva en toda a cidadanía nos próximos tempos destas vacinas, que as persoas con moito traballo e moito tesón estiveron deseñando”.

Fernando Suárez sinalou que “hoxe temos en Ribadeo motivos para a preocupación e para a esperanza. Preocupación porque seguimos tendo un gromo importante no Hospital Asilo, aínda onte a última hora se detectou un positivo, pero estase actuando con moita firmeza, con moita determinación e con moi bo facer por parte de todos, da dirección do centro, do seu persoal, dos servizos sanitarios e dos servizos sociais, para conter esta situación, que seguro que se vai conter. Mañá os servizos sanitarios do Hospital da Costa farán un novo cribado xeral para comprobar a situación actual e ver si xa se chegou ao pico ou aínda non. En todo caso, os responsables sociais e sanitarios infórmanos de que as persoas positivas evolucionan favorablemente e manteñen sintomatoloxías leves. Por outra banda, tamén referido á outra residencia que temos en Ribadeo, ata o momento afortunadamente non tivo casos positivos e confiamos en que nas vindeiras horas se proceda a aplicar a tan agardada vacina, igual que no resto de residencias da comarca que non tiveran positivos ata o momento”.

O rexedor pídelle “á poboación, especialmente á de Ribadeo, que temos que actuar como se nos indica, que temos que actuar correctamente para evitar laios e lamentacións dentro duns días. Foron uns meses de travesía polo océano desta pandemia moi duros e agora, que xa divisamos terra firme en forma de vacina, non vaiamos tirar todo pola borda e naufragar antes de chegar a esta terra firme tan ansiada. Fagámolo todos e fagámolo ben e así neste esperanzador 2021, que temos por diante, poderemos reiniciar para mellor a nosa sociedade, aprendendo moitas leccións que esta pandemia nos deixou. Polo tanto, que teñades todas e todos unha moi boa entrada do ano 2021”.