O rexedor declarou: “mañá é Noiteboa e máis aló da devoción cristiá das familias, o certo é que se converte nunha data de referencia para que un poida estar cos seus, cos que ten no día a día e cos que están lonxe, moitos deles, a maioría desgraciadamente, porque tiveron que emigrar fora para buscar mellores oportunidades laborais para a súa vida”.

Suárez Barcia dixo que “tamén é evidente que se trata dunha data onde se botan de menos aquelas persoas que xa non están, aínda que sempre nos queda viva a lembranza deles polo bos que foron e o moito que nos aportaron nas nosas vidas”.

O alcalde ribadense explicou que “eu este ano quixen facer unha felicitación de Nadal que a quero compartir con todo o mundo, e na que se ilustra un lugar fermoso de Ribadeo na costa da Devesa, concretamente en Meirengos, onde existe un banco e desde o que se aprecia unha marabillosa vista costeira, propia tamén dun dos mellores bancos do mundo, que tamén temos en Ribadeo”.

Fernando Suárez engadiu que “a imaxe vai acompañada dunha cita de Rosa Luxemburgo que di que a vinganza é un pracer que dura só un día, pero que a xenerosidade é un sentimento que te pode facer feliz eternamente”.

O rexedor manifestou que “con este sentimento é co que lle quero desexar a todo o mundo, aquí e aló, en Ribadeo e nos concellos veciños, que teñan unhas moi boas festas e que en definitiva non se esquezan de vir por Ribadeo nestas datas a gozar da pista de xeo que temos aquí, no parque de San Francisco, e a mercar e a gozar no noso comercio local”.