Fernando Suárez dixo que “durante dúas edicións anteriores aos responsables da Xunta, que eran os mesmos que agora, enchéuselles a boca do importante que era para Ribadeo e asumiron integramente os custos duns 40.000 euros en cada edición, incluso ao meu xuízo quizais un pouco elevado porque se podía facer sen dúbida por un pouco menos”.

O alcalde ribadense pensa que “hai que retratar á xente tal como é hai que e dicir que da palabra do PP calquera se fía. Hai pouco tempo confirmaban para este ano o seu apoio a este evento e agora a pesar de que por primeira vez tanto o Concello, máis modestamente, como a Deputación, un pouquiño máis, apoiaban o mesmo a Xunta decidiu dicir que non. Eu non sei se é que agora politicamente non interesaba e antes si”.

Suárez Barcia sinalou que “en todo caso para Ribadeo, pola situación económica que temos a día de hoxe, estamos volcados en novos mercados turísticos para abrirnos ao mundo, consideramos moi importante a difusión turística que se faga do noso concello por aí. E estámolo a facer desde o Concello coa Xunta, desgraciadamente máis sen ela a xulgar polo nulo apoio que están tendo como nestas cousas, como na praia das Catedrais, etcétera”.

Para o rexedor “a proba de que non nos arredramos por estas actitudes que ten a Xunta é que estamos conseguindo, sen o apoio dela, difundir a milleiros e milleiros de persoas os nosos encantos: do noso casco vello, dos nosos hostaleiros, das nosas praias, etcétera. Aí estamos nos últimos tempos coa asociación de comerciantes nas feiras de turismo, como a de Valladolid, ou agora mesmo, nesta datas, a de Bilbao. E estou convencido de que vai ser espectacular en número de visitantes pero tamén perigoso, polo cantidade deles xa que a día de hoxe non temos ningún plan conxunto elaborado entre ningunha administración por moito que nosoutros desde Ribadeo andemos clamando no deserto”.

E engadiu que “Ribadeo, coa Xunta ou sen ela, seguirá tirando para diante, aparte destas pequenas patadiñas que están dando, neste caso ao Club Náutico de Ribadeo con esta regata, que tamén eles estaban poñendo o mellor de si, aínda que acaban de chegar. Estaban dispostos a facelo por moitísimo menos do que outros anos a Xunta pagou, pero en todo caso eu creo que é boa cousa retratar ás persoas e ás administracións”.