O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, manifesta que “ao longo da segunda quincena de maio, o xurado do II Certame Literario e de Artes Plásticas Xuvenil Concello de Ribadeo, tivo as correspondentes reunións para deliberar e posteriormente emitir o fallo. Este xurado estivo composto, para a sección literaria, por Xesús Fernández Acevedo, profesor de Lingua e Literatura Galega do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, e por Antonio Deaño Gamallo, profesor de Lingua e Literatura Castelá no mesmo centro, pero xa xubilado; ambos son persoas ben destacadas no mundo literario e cultural ribadense. Polo que se refire á sección de Artes Plásticas, compoñían o xurado Celso Dourado, artista e activista cultural ben coñecido na nosa comarca e por todo o país, e Chus Colmenero Torres, profesora de Plástica no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo”.

O edil ribadense contou que “o ditame no ámbito de creación literaria, sección poesía, outorgou o Premio a Iria Rivas Prieto, de 17 anos e natural de Mondoñedo. A súa obra KM 0 caracterízase, segundo o xurado, polo tratamento dunha temática relativamente novidosa –a reivindicación feminista- apoiada nun ritmo equilibrado e na riqueza léxica –sinestesias, mesura e boa elección de adxectivos-; todo isto logrouno a autora, a xuízo dos membros do xurado, sen caer en lugares comúns”.

Farruco Graña engadiu que “en canto á plástica, a gañadora do Premio é a ribadense Laura Requeijo López, coa obra titulada Ritmo. Laura ten 18 anos e estuda o Bacharelato de Artes en Burela. As persoas membros do xurado valoraron unha rica amalgama de técnicas ao servizo da persoal recreación de elementos de Ribadeo como son a Torre dos Moreno ou o Cargadoiro. Ao tempo os membros do xurado puideron contemplar unha composición que consegue o equilibrio e na que se plasma unha forte impronta surrealista”.

O concelleiro de Cultura dixo que “o premio para relato curto quedou deserto. O Concello de Ribadeo, a través da súa Concellaría de Cultura, quere amosar a súa satisfacción por este fallo e animar ás mozas e mozos da comarca a participar de xeito máis intenso en vindeiras edicións. Quen teña ganas de mostrar a súa forza creativa que pense que xa pode comezar a deseñar os seus bosquexos para ir dándolle forma ás obras que poidan presentar no II Certame Literario e de Artes Plásticas Xuvenil Concello de Ribadeo”.