O rexedor dixo: “quero abordar esta suposta polémica que parece que está dando moito que falar de algo que desde o goberno municipal nos parece absolutamente normal e para nada cremos que estamos equivocados, porque en Ribadeo se hai algo que intentamos, e que ademais temos que facer, é tratar a todo o mundo igual, sexa un veciño civil ou sexa un militar que ven aquí uns días. É dicir, que a polémica é porque o Concello de Ribadeo cobrou a auga que consumiron 450 militares que estiveron uns días nunha parroquia do concello e se lles cobrou polo lixo que depositaron. Pois claro, normal, e senón ¿que íamos facer?”.

Suárez Barcia pregunta: “¿os veciños de Ribadeo non pagan o lixo e a auga?, ¿os que non son veciños pero teñen aquí unha segunda residencia non pagan tamén o lixo e a auga? O Concello de Ribadeo para tramitar permisos para actuacións de usos e servizos públicos con outras administracións, como agora que estamos tramitando para facer un saneamento nos Castros e nas Illas, ten que pagar o que lle corresponde á Deputación, a FEVE ou a Costas e non dicimos nada”.

O alcalde ribadense manifestou: “¿por que algúns compañeiros da oposición se amilagran e din que aos militares non lles debemos cobrar? Máis aló de ditos retranqueiros de que en Ribadeo cada un paga o seu, realmente é así. Tivemos que desviar a liña do camión do lixo para recollérllelo durante varios días, o que supuxo uns gastos e un tempo e tivemos que cobrarlles os metros cúbicos de auga que consumiron”.

Fernando Suárez subliñou que “algúns escúdanse en que hai Concellos próximos que non lles fixeron isto e que ademais lles asfaltaron un camiño. Parécenos moi ben que ese Concello faga o que estime conveniente, pero desde logo ese Concello para nós non é modelo de nada. E para nós son iguais, leven boina, pucha, birrete ou nada. Todos os cidadáns e cidadás son iguais en dereitos e deberes, todos somos iguais diante da lei e as normas e teñen que pagar sexan militares ou non polo uso que fixeron; e concretamente en Ribadeo a recollida de lixo e a auga. E máis nada. Se un albanel que ten que ocupar a vía pública para poñer un andamio ve que se lle cobra, se a un hostaleiro se lle cobra pola terraza, ¿como verían eles se ao Exército non lle cobráramos polos gastos que ocasionou, pola auga e a recollida de lixo?”.

O rexedor cre que “a oposición ás veces por facerse ver fai o que non ten nome. Pero insisto e remato con isto: máis aló de ritos retranqueiros, en Ribadeo cada un paga o seu, pero sobre todo tratamos a todo o mundo por igual, sexa civil ou militar”.