O rexedor de Sada sinalou que “Ramón é unha figura fundamental na Galiza do século XX, eu considero que despois de Castelao foi a figura máis relevante do nacionalismo galego. Foi un impulsor do Partido Galeguista. Ten multitude de publicacións que recuperamos no 2008 que foi declarado polo noso Concello, ano dos irmáns Suárez Picallo”. Abel López Soto lembrou que un dos irmáns “morreu de tristura añorando a súa terra e comentóulle a Isaac Díaz Pardo o seu desexo de descansar en Sada e nós o ano pasado viaxamos a Bós Aires e trouxemos os seus restos á nosa vila e alí repousan”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agradeceulle “enormemente ao Concello de Sada por terse acordado de nós para que esta exposición recalase tamén en Ribadeo e tamén á comisión organizadora do evento. Por esta xente, coma os irmáns Suárez Picallo, hoxe en día Galiza é unha comunidade histórica dentro do que é o Estado español. Son figuras que evocan o diálogo, que foron escollidas polo pobo democráticamente na república, e que logo polo maldito franquismo tiveron que exiliarse. Eu creo que a súa obra segue moi viva e é unha boa acción dala a coñecer con esta exposición que estará quince días en Ribadeo”.