A edil Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “dentro da programación da Concellaría de Cultura contamos cunha exposición excepcional titulada Como silvas que comen muros, que temos en Ribadeo na oficina de turismo nova ata o 30 de novembro. O autor é Iván Merayo, tanto a calidade das súas fotografías como a temática que trata son dignos de ver, de vir a visitala e sobre todo pasar un momento agradable facendo recordos da nosa historia, do noso pasado para saber de onde vimos, acontecementos que sucederon na nosa historia ao longo dos tempos”. E indicou que “a nosa axenda cultura leva na súa portada unha foto desta exposición, que as persoas que a teñan na man poden coñecer cal será a guía ou a directriz da mesma”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, convidou “a todos os ribadenses e a todos os mariñáns a que acudan á oficina de turismo de Ribadeo a ver esta exposición fotográfica. Xúntanse aquí dúas artes, tanto a fotografía como a literatura porque cada foto vai acompañada de textos literarios de escritores como Olga Novo, Lois Diéguez… felicitar ao autor por esta iniciativa, por ese traballo que ademais nos transporta a uns anos nos que había moitos muros. Facer unha reflexión sobre a memoria histórica sempre está ben, sobre todo nestes tempos”.

O autor da exposición Iván Merayo contou que “a exposición está baseada nunha historia que coñecín hai moitos anos sobre o último fusilamento público que houbo na vila de Monforte en 1941nunha finca preto da miña casa. Ese feito quedoume marcado e un día tiven que parar e empecei a tentar sentir o que pensaba ese home cando o ían achegando á morte, unha morte inmerecida. Él era factor de Renfe e equivocouse ao mandar o tren por unha vía, que acabou chocando contra un almacén. Nesa época había unha actividade antifranquista grande en Monforte e os militares entenderon iso coma unha sabotaxe, quixeron darlle un escarmento á xente e utilizaron a este home, a Manuel Pérez Goyanes, e fusilárono publicamente para dar medo á xente. E nesta exposición pretendo que a xente sinta a angustia de saber que te van matar, deses últimos minutos da túa vida”.