Mañá  martes 4 de agosto ás 20:30h terá lugar na Oficina de Turismo a inauguración da exposición F 28. Ollo femenino. Dita exposición, segundo Luisa González, responsable do CIM, “reflicte os traballos realizados polas mulleres que estiveron durante case tres meses formándose no eido da fotografia dixital baixo a dirección do fotográfo aficionado ribadense, David Ribas. Durante os meses de abril, maio e xuño desenvolveuse un obradoiro de fotografia dixital dirixido ás mulleres, para alfabetizalas e procurar a súa autonomia e empoderamento neste medio”.

O curso foi impartido por David Ribas, fotográfo aficionado de Ribadeo, “e este proceso de aprendizaxe vai rematar con esta exposición dos traballos de cada unha das asistentes no curso, onde nos ensinarán a súa destreza e  manexo no uso das cámaras dixitais. A través destas fotografías tamén poderemos ver o potencial creativo femenino que temos en Ribadeo neste eido. Este curso, significou unha aprendizaxe para algunhas, un redescubrirse  de cousas novas, un novo campo con potencial en emerxencia. Mulleres de todas as idades, de 16 a 66 anos asistiron a este curso. Mulleres diversas, cunha afición común, a fotografia”.

Esta exposición permanecerá aberta desde o 4 ata o 15 de agosto na Oficina de Turismo. Os horarios da son  de 10:00h a 14..00h e de 16:00h a 20:30h de luns a venres, os sábados de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h e os domingos de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:30h.