O rexedor na carta pídelle a Mato “que lles poña cara, que mire aos ollos a eses nenos sen calefacción, sen excursións, sen cumpreanos e que lles diga a eles por qué tardan 8 meses en resolverlles esa axuda que pediron os seus pais”.

Suárez Barcia amosou “a nosa preocupación, que é para pedirlle sobre todo unha reflexión sincera e un compromiso de resolución inmediata sobre estes expedientes que están na Consellería dende hai moito tempo, concretamente 21 lles mandamos dende o Concello de Ribadeo no ano 2013 e aínda están pendentes de resolver e 9 son do 2014. É dicir, dende hai moitos meses están 30 expedientes pendentes. É raro o día que non recibo no despacho algún veciño ou veciña nunha situación desesperada, sen traballo, co paro esgotado, que me confesa que pasou todo o inverno sen calefacción e que xa non se atreven a pedir máis axuda aos pais, aos sogros ou aos amigos”.

O alcalde ribadense lembra que “no Concello vimos de aprobar hai uns meses unha ordenanza para atender situacións de emerxencia social, que estamos utilizando a día de hoxe. Pero esta ordenanza é só para iso, para situacións excepcionais nun momento puntual. Para outro tipo de solucións está precisamente a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), que é unha prestación pública destinada a garantir os recursos económicos de subsistencia á quen careza deles, é precisamente a comunidade autónoma quen se ten que facer cargo destas circunstancias para alugueres, subministro eléctrico, alimentos ou para circunstancias de necesidade básica, sobre todo, que é o que nos dá máis mágoa, para as familias que teñen fillos”.

Fernando Suárez pídelle á conselleira “que non se pode mirar para outro lado cando día a día tropezamos coa dor humana que supón que compañeiros e compañeiras dos nosos fillos e fillas non poidan ir moitas veces a actividades ás que outros nenos e nenas, que os seus pais traballan, si poden acceder. Iso é unha desigualdade que hai que atallar e hai que combater de raíz e é no que á Xunta de Galicia lle pedimos que, a través dos seus gabinetes de comunicación, emitan a verdade, que non digan que se resolven estes expedientes de Risga en prazo porque levamos en algún caso oito meses esperando a que a Xunta se pronuncie sobre estes expedientes de Risga pois ten a obriga e a necesidade de darlle axuda a esta xente”.