O edil nacionalista sinalou que “este simulacro foi por un desprendemento de unha pedra de considerables dimensións, onde o que intentamos foi poñer en práctica algo que pode suceder no futuro por si acaso.  O que fixo esa pedra foi deixar atrapada a unha persoa que non se podía sacar, polo que tiveron que actuar os Bombeiros de Barreiros”.

Cupeiro explicou que “o tempo de resposta dende que os Bombeiros entraron ás 11:30 horas, foi exactamente dunha hora, dende que chegaron a carón da persoa accidentada, ata que esta foi trasladada á ambulancia. Participaron tódolos corpos que teñen que participar nunha cousa destas coma foi o 112, o 061 de Ribadeo, os Bombeiros, a Policía Municipal e a Garda Civil. Unha das primeiras cousas que se fixo foi cortar o tráfico rodado nas Catedrais e mandar aos coches ao aparcamento que temos activo para este fin durante todo o verán. A continuación, a Policía Municipal, axudada pola Garda Civil, estivo disuadindo ás persoas para que non se acercasen ao lugar do accidente”.

Para o concelleiro de Medio Ambiente “a efectividade e o grado de desenvolvemento que levaron a cabo os Bombeiros foi espectacular.  Eu feliciteinos polo alarde de bo facer que demostraron baixando en cordada posiblemente dende unha altura duns 15 metros ao punto no que se produciu o suposto accidente. O tempo de rescate foi moi bo. Non sei si se podería facer máis rápido, pero dende logo, mellor imposible. Vese que os Bombeiros teñen unha profesionalidade moi boa e o resto dos corpos tamén, xa que fixeron moi fácil ter controlado o sitio onde se produciu este suposto incidente”.

Cupeiro dixo estar “moi contento de ter programado este simulacro precisamente por un posible desprendemento. Creo que en calquera momento se pode producir un incidente así e debemos alertar á xente para que ande con moito coidado polos sitios onde se pon, non só nas Catedrais, senón na costa en xeral. A costa é algo dinámico que está a caer tódolos días en diferentes sitios e que os visitantes e veciños teñen que ter coidado porque existen precipicios fáciles de desprender e isto é perigoso”.

O simulacro de rescate realizouse con marea baixa e diante da atenta mirada de moitos dos turistas que estaban a visitar o areal nese momento: “intentamos facer este simulacro cando houbera un maior número de visitantes na praia das Catedrais, coma acontece agora mesmo con marea baixa e mareas vivas. Fixémolo porque debemos planear as cousas cando hai máis dificultade para sacar adiante estes casos. Os visitantes comportáronse moi ben porque precisamente os corpos e forzas de seguridade do Estado estiveron disuadindo á xente para que non se acercase ao lugar onde estábamos a levar a cabo o simulacro. Aínda así había na praia un montón de xente de visita e foi espectacular ver ao final como todos aplaudiron a boa labor levada a cabo polos Bombeiros e demais corpos de seguridade que participaron no simulacro”.