A tamén concelleira de Turismo subliñou que “Ribadeo un ano máis é referencia turística. Estamos ao cen por cen de ocupación hoteleira e temos que dicir que as cifras a 31 de xullo este ano 2016 tamén son excelentes. É certo que notamos unha certa diferenza en canto ás consultas da xente, unha inversión en certa medida na que se nota un aumento de consultas na Oficina de Turismo de Ribadeo e unha pequena baixada na propia praia de As Catedrais. Entendemos que isto poida vir motivado un pouco porque a xente ven coas visitas xa concertadas á propia praia e iso supón que xa veñan coa información pertinente. Aínda que si é certo tamén que se está dando unha certa problemática en canto ao propio acceso á praia pois este ano xa son varios os días nos que se cubriron as entradas coas que se pode acceder e houbo xente que non puido entrar sen ese pase, non o entendeu e nalgún momento mantivo unha actitude un pouco discordante”.

Ana Martínez opina que “a xente creo que xa non soamente ven para visitar a praia senón que estamos notando que moita desa xente se achega a Ribadeo, consulta información sobre Ribadeo e estamos vendo durante este verán que Ribadeo está máis cheo de xente que nunca”.

A alcaldesa en funcións indicou que “foron máis de 25.000 consultas as realizadas no mes de xullo tal e como tamén pasou o ano pasado. Neste 2016 estivemos achegándonos ás 26.000 consultas nas dúas oficinas de información turística de Ribadeo”.

Para Ana Martínez “tamén é preciso salientar e nos parece moi importante, a páxina web de turismo que é unha ferramenta útil e importante. Temos que dicir que desde que se activou esta páxina hai preto de dous anos, son máis de 270.000 as consultas que levaron a cabo nela. Con procedencias moi diversas. Se destacan as consultas nacionais con máis de 70.000, hai outras procedencias importantes como poden ser con máis de 2.000 de EE.UU, desde Rusia preto de 900 persoas se interesaron por Ribadeo,  e tamén China, Xapón, Corea, Inglaterra, Francia, Canadá, desde todo o mundo se están a interesar por Ribadeo”.

Permisos
A concelleira de Turismo lembrou que “tamén como hai uns días din a coñecer que recibimos no Concello a petición de gravar un vídeo clip para unha película de Bollywood na propia praia de As Catedrais, e por cuestión de datas pola limitación á praia non puideron obter o permiso da Xunta. Parécenos importante este diálogo coa Xunta porque enriba da mesa temos máis peticións desde a BBC, do Canal de Historia Natural, e mesmo dunha serie coreana de máxima audiencia que por unhas imaxes que se gravaron hai uns anos na praia tamén están pedindo vir gravar aquí porque esas imaxes alí causaron furor. Polo tanto entendemos, e así o fixemos chegar á Xunta de Galicia, que debemos organizar cómo canalizar estas peticións que ao meu parecer supoñen un posicionamento moi importante a nivel internacional. Creo que aí debemos traballar tamén para ver cómo canalizamos estas peticións e cómo damos esa imaxe internacional tanto da praia de As Catedrais, de Ribadeo, como de toda a nosa contorna porque creo que iso vai influír tamén en toda A Mariña”.

Ana Martínez tamén se referiu ao turismo organizado que chega a Ribadeo: “falamos de turismo internacional, pero tamén falamos de que cada ano son máis os grupos organizados que se achegan ao noso concello para visitarnos. Durante o mes de xullo foron 30 os que se achegaron á Oficina de Ribadeo, preto de 25 fixérono á praia de As Catedrais. Datos tamén relevantes dun turismo organizado que antes non era corrente velo aquí en Ribadeo. Isto danos tamén un traballo importante porque son cinco as persoas que están a xornada completa, outra máis que entrará nos próximos días, e están todos os días a tope nos puntos de información turística do noso concello. Iso é significativo e eu quero agradecer o traballo a estas persoas que está ao fronte da información de turismo de Ribadeo que son unha parte importante deste éxito no noso concello”.

Camiño Norte
Ana Martínez tamén salientou “a importancia do Camiño de Santiago, este Camiño Norte que ten a súa entrada en Galicia por Ribadeo, cada vez nos trae máis peregrinos. Fálase de que foron arredor de 1.500 peregrinos os que fixeron esa ruta cara Santiago durante o mes de xullo, do cal un número moi importante pasou por Ribadeo. Iso nos levou a estar nalgún momento desbordados, ter algún día que habilitar os pavillóns non soamente para grupos. O camiño está despuntado, traendo cada vez máis xente, e está sendo unha referencia importante tamén no tema turístico en Ribadeo o que está dando lugar a que os dous albergues públicos que temos estean todos os días a tope”.

A responsable de Turismo e alcaldesa en funcións tamén aludiu ás Xeorutas: “as Xeorutas foi unha iniciativa que naceu o ano pasado da man do Concello de Ribadeo para dar a coñecer e valorizar o que é toda a contorna, non soamente a praia de As Catedrais senón o resto da nosa costa e tamén o que supón Rinlo. Temos que dicir que este ano seguen a ser un éxito, que a xente segue demandando estas visitas e para nós segue sendo unha referencia importante. Creemos que as visitas deben dar lugar non soamente á fotografía senón ao coñecemento do espazo e da zona, e que a xente se vaia coa idea de por qué As Catedrais están aí e cal é a súa evolución xeolóxica e histórica”.

Ana Martínez  tivo palabras de agradecemento “para os nosos comerciantes e hostaleiros pola labor que están a realizar. Creo que Ribadeo ten esa imaxe positiva que amosa ao visitante calidade e amabilidade, e iso é importante e vai da man tamén dos nosos comerciantes e hostaleiros. É a mellor tarxeta de visita que lle podemos dar a alguén para que volva e fale ben de Ribadeo entre os seus amigos e familiares”.