O rexedor valorou de xeito moi positivo “estas iniciativas que nestes últimos anos, nestes últimos tempos e si cadra agora cada vez máis, se están a facer no ámbito do deporte, ben sexan torneos de fútbol sala feminino, torneos de veteranos do Ribadeo FC, que trouxeron a 1.000 persoas aquí, ou mesmo os torneos que esta fin de semana tivo aquí a SD Ribadeo, con centos e centos de nenos e pais e nais de moitos lugares de Galicia, de fora de aquí e incluso de Portugal”.

Fernando Suárez sinalou que “estes eventos enchen non só os campos de fútbol municipais, senón que tamén os seus pais e nais e eles mesmos enchen a hostalería local. Da gusto vir a Ribadeo nestas últimas fins de semana e ver como tamén o deporte, a parte de que o deporte base é algo fundamental no desenvolvemento dos máis pequenos, supón en Ribadeo un impulso á economía comercial e hostaleira moi importante”.

O rexedor ribadense tamén agradeceu “a todas estas directivas o traballo e o esforzo que están a realizar para organizar estes eventos. Nós tentamos axudar en todo canto podemos. Este binomio entre deporte e turismo e entre deporte e economía é moi importante e en Ribadeo esperemos que se vexa reforzado co remate da construción do novo pavillón, que dará moitas mais posibilidades a outros deportes non tan masivos coma estes que acabo de citar, pero sí que seguro que poderemos seguir traendo a unha chea de xente mais doutros deportes. O obxectivo é ir convertendo Ribadeo nun lugar non só preferente para os congresos médicos e de sociedades, como tamén facemos, senón tamén vinculados aos encontros deportivos que sempre acaban traendo moita xente que consume, come e durme en Ribadeo e iso é o que importa”.