O rexedor remitíulle un escrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galiza, “que é a titular da estrada Reme-Vilamar, esta estrada tan polémica que desde hai anos está sen amañar en partes importantes e agora cerca de Remourelle no último ano houbo 8 saídas de vía nun tramo concreto, a última delas esta pasada semana. Afortunadamente nunca chegou a pasar nada máis que danos materiais e en todo caso danos físicos pero de menor importancia afortunadamente, ata o día de hoxe”.

Suárez Barcia explicou que “a Policía Local e esta Alcaldía consideran necesario que a Xunta coloque en todo ese treito perigoso unha vionda, unha banda de protección lateral, para evitar que os vehículos caian por un barranco moi pronunciado no que ao final está o que lle chaman o pozo de Lexoso, porque o propio regato forma un pozo  moi profundo que si chega a caer algún coche aí podería haber unha desgracia maiúscula”.

O alcalde de Ribadeo confía en que “as autoridades autonómicas da Xunta dean as instruccións pertinentes para colocar ese treito de vionda, tal e como desde os servizos técnicos do Concello lles indicamos, dado que a titularidade do vial é deles”.