O rexedor  explicou que “foi un pleno ordinario con moitos asuntos de interese e a grande maioría deles foron aprobados por unanimidade de todos os grupos da Corporación. Unha cuestión relevante foi a proposta, que tamén aprobamos unanimemente e que chama moito a atención, que acordamos demandar, por vez terceira, o compromiso da Xunta de Galicia co vial dos Garitos. Este vial que vai ao pé da vía de Feve e que levamos cun debate desde hai máis dun ano. Daquela asegurouse, no propio pleno por parte do PP local, que a Xunta ía regarnos de cartos, que ía poñer unha boa parte dos fondos, que ían caernos os cartos a esgalla e un ano despois non puxo un can, polo menos de momento. Non foi así o caso da Deputación que aportou firmemente o setenta e oito por cento dos 360.000 euros que vai custar esta obra tan importante e que vai reducir moitísimo o perigo que se dá con ese tráfico pesado que pasa por alí”.

Suárez Barcia dixo que “o que lle esiximos polo tanto á Xunta é que diga se dá ou non dá, claramente, que diga canto e que diga cando. Todo o que poida dar descontarémolo da nosa achega municipal ou da achega da Deputación, ou das dúas, e así investiremos ese diñeiro noutras outras moitas actuacións pendentes, que mira que non hai actuacións na vila ou nas parroquias. Pero queremos, e xa llo dicimos por vez terceira de maneira unánime de toda a Corporación, que se deixen de liar a madeixa, agora non é tempo nin de latricar, nin de esbardallar, agora é tempo de dicir se poñen ou non poñen”.

O alcalde contou que “tamén aprobamos un plan de acción, coordinado coa Xunta, o Ministerio e a Unión Europea, para poñer desde o ámbito municipal, como tantos outros Concellos, o noso grao de area para a loita contra o cambio climático a fin de reducir os gases de efecto invernadoiro nos vindeiros anos. Neste senso acordamos aprobar un documento onde se establecen unhas medidas e unhas accións para ir implementando no curto, no medio máis no longo prazo, tanto desde o punto de vista do funcionamento do Concello en si como nos domicilios, nas empresas, etc…, ir creando criterios básicos de actuación de cara á eficiencia do alumeado público, de cara a crear espazos de carga de vehículos eléctricos, de cara a asesorar no consumo de enerxías renovables, etc…”.

Fernando Suárez manifestou que “ademais aprobamos entre todos unha moción do Partido Popular para dirixirse á empresa pública Sepes, que é un organismo público que depende do Ministerio de Fomento, que é o titular do polígono industrial de Ribadeo, a fin de que se fagan accións dunha vez por todas que redunden en abaratar o custo das parcelas do noso polígono. Debo dicir a este respecto que, ao longo destes anos tanto cos gobernos do PP de Madrid, de Rajoy durante sete anos, como agora do PSOE, conseguimos que se comprometesen a estudar esta circunstancia. Sabemos que o polígono industrial está moi ben, nunha situación moi boa, ten unhas condicións de ubicación estratéxicas, etc…, pero non ten uns prezos axeitados e especialmente nas parcelas grandes que non teñen, ata o momento, ningún tipo de demanda. Confiemos que a partires de agora vaian atendendo por parte do Ministerio estas xustas demandas”.

O rexedor ribadense engadiu que “quedou tamén aprobada a baixada do 0´4 nas taxas de auga e saneamento, e a suba do 2´13 na do lixo por diferentes cuestións do IPC e de acordos coa empresa pública Sogama, que depende da Xunta de Galicia. Ademais tratouse a renuncia da asignación aos grupos municipais deste ano 2020 para incluíla en partidas de carácter social”.