A concelleira de Obras, Mónica Freire, sinalou que “desde o comezo deste mandato aló polo ano 2019 tanto desde o Concello como desde a Deputación de Lugo marcámonos o obxectivo de poder facer o arranxo desta estrada, unha débeda histórica que tiña a institución provincial para con Ribadeo e que finalmente, como todo o que funciona ben, con cooperación, traballo e lealdade entre institucións, podemos dicir que hoxe é unha realidade”.

A edil ribadense subliñou que “esta, que é unha obra importante, que deu moito traballo e que estivo chea de complexidades, ven agora  a mellorar a vida das persoas que viven na vila, para os escolares, pero tamén para toda a xente das parroquias que empregan este acceso como principal para a entrada na vila”.

Freire Rancaño dixo que “todo o mundo vai notar un marabilloso cambio para ben. Será o caso das nenas e dos nenos que adestran no campo de fútbol da vía, que xa non terán que verse sometidos aos perigos e estreiteces dese vieiro e de falta de alumeado no inverno, e no caso dos peóns poderemos andar sen tanto perigo por este espazo”. 

O investimento ascendeu a máis de 500.000 euros na reforma da estrada, que discorre paralela ao campo de fútbol Pepe Barrera, e da ponte aberta hoxe ao tráfico. 

Ata a Ponte de Feve se achegaron esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Obras, Medio Rural e Medio Ambiente, Mónica Freire, Marcos Villamil e Jorge Díaz.