Farruco Graña declarou que “desde a Concellaría de Cultura queremos dar as pertinentes explicacións, recoñecer o erro que se cometeu e pedir desculpas polo acontecido o sábado pasado no pregón das festas de Ribadeo. Queremos aclarar que todo o que se preparou, segundo nos solicitaron tanto desde a comisión de festas como o propio pregoeiro, e segundo nos indicou tamén a Coral Polifónica de Ribadeo, todo foi probado previamente e todo funcionou ben. Probamos por dúas ocasións e todo ía ben. O que ocorreu foi simplemente que un foco fixo masa e iso foi o que motivou que saltara unha das fases do Teatro de Ribadeo e provocara a carencia de luz en determinadas tomas de corrente, coa conseguinte consecuencia de que a Coral Polifónica de Ribadeo non puido rematar a actuación como tiña previsto. Pero en todo caso, grazas á súa experiencia, e quero recoñecelo publicamente, foi capaz de buscar unha solución rápida e eficaz a ese percance ocorrido. Todo fora probado, pero as cousas da electricidade ás veces causan estes imprevistos”.

O edil ribadense dixo: “queremos recoñecer tanto á persoa que naquel momento estaba encargada da intendencia como tamén á persoa que ao longo de todo o ano desenvolve as labores de intendencia na Concellaría de Cultura, porque teñen dado boas mostras ao longo deste ano, e doutros anos, da súa capacidade para organizar as cousas e tamén para buscar solucións ante imprevistos concretos. A persoa que nesta ocasión substituíu ao técnico tamén cumpriu co seu cometido e coordinámonos perfectamente. O técnico habitual solicitara o día, é o seu dereito e non nos parecía que fose imprescindible a súa presenza, de feito, por moito que esa persoa estivera alí, o problema dese foco non se podía amañar nese momento. Revisámolo despois e tomaremos boa nota”.

Farruco Graña subliñou: “quero recoñecer a capacidade e a profesionalidade da Coral Polifónica de Ribadeo porque, ante un imprevisto, soubo reaccionar con eficacia e con rapidez, e buscou unha alternativa como non cabía esperar menos dunha Coral como a de Ribadeo e a súa dilatada experiencia. Queremos insistir na petición de desculpas tanto á Coral Polifónica de Ribadeo como ao propio pregoeiro, que non se viu afectado no seu acto en si pero forma parte do que é o pregón das festas, á comisión de festas por suposto, e a todo o pobo de Ribadeo porque, nun acto significativo, produciuse un pequeno percance que alterou parcialmente a realización do mesmo”.

O responsable de Cultura cre que “é a ocasión para reflexionar sobre a necesidade de afrontar cambios e unha reforma integral no Teatro de Ribadeo, porque é un edificio que para todos e todas nós é moi entrañable, sobre todo para as persoas que xa desde cativos e cativas foron alí a bailes de salón ou posteriormente asistiron a proxeccións de cine, e actualmente asistimos a concertos, representacións teatrais e cousas do máis variadas. Pero si que é certo e xa o podemos comprobar ao longo do anterior curso, que se trata dun edificio que ten moitisimos anos ás súas costas e necesita dunha reforma. Eu creo que nos debemos sentar a Sociedade Filantrópica, que é a propietaria do local, o Concello de Ribadeo, e a Xunta e o goberno central tamén, enmarcado por exemplo na planificación do que é o Xacobeo 2021, ou calquera outro programa de potenciación da actividade cultural e das infraestruturas relacionadas coa mesma. É o momento de buscarmos entre todos como ir deseñando unha solución a este edificio tan emblemático para Ribadeo. Segue estando aí e estará aí, pero sería realista recoñecer que son unhas instalacións que necesitan unha reforma a fondo. Poñámonos a estudar o tema con calma entre todos e afrontaremos esa reforma no futuro. Sen querer desviar a atención, esta reflexión creo que é necesaria”.

E insistiu: “unha vez máis pido desculpas a todo o pobo de Ribadeo por este pequeno percance ocorrido, e en todo caso xa tomamos automaticamente debida nota para seguir pendentes da instalación eléctrica e de todo o demais do Teatro de Ribadeo. Desde logo procuraremos que non se volva producir unha situación deste tipo”.