Suárez Barcia contou que “nesta visita de supervisión ás obras que a Xunta de Galicia fixo nesta estación de autobuses da súa titularidade, que ademais se fai na compaña do delegado provincial da Xunta, o señor Arias. É a súa primeira visita institucional ao concello de Ribadeo e recibímolo con toda a lealdade e co firme compromiso de colaboración entre as partes e, ao mesmo tempo, no persoal deséxolle o maior dos acertos posibles en toda esta nova andaina que ten por diante, especialmente para con Ribadeo”.

O alcalde subliñou que “por fin se remataron estas obras, que desde o Concello de Ribadeo levábamos varios anos dirixíndonos á Xunta por escrito para que as realizaran porque estaba nunha situación lamentable esta estación de autobuses. E aínda que as obras son importantes, desde logo, non constitúen máis que o lavado de cara porque hai unha serie de infraestruturas que necesitan ser melloradas, polo que esperamos que nos próximos tempos vaian actuando neste sentido, para facer da estación de autobuses de Ribadeo algo que sexa máis importante do que é o propio logo da Xunta de Galicia”.