O rexedor explicou este mediodía que “logo de ver o que aconteceu onte en Ribadeo, onde se produciron auténticos exercicios de debate público e de soberanía popular acerca da controversia que se foi xerando sobre estas medidas que a Xunta de Galicia quere impoñer de maneira inmediata, a partir do 1 de xullo, e que cada vez son máis as voces, é máis grande a unanimidade, sobre que ese programa, tal e como o ten planificado, non se vai poder levar a cabo. Vai ser tremendo, brutal, para a imaxe de Ribadeo e das Catedrais e para nada vai resolver a problemática que adoece de cómo xestionar o fluxo de miles e miles de persoas, para que siga sendo unha riqueza para Ribadeo no económico e que non se degrade dende o punto de vista da presión humana”.

Suárez Barcia contou que “despois de ter a xuntanza dos comerciantes, industriais e autónomos, na que tamén convidaron ao alcalde, á concelleira de Turismo e aos técnicos do Concello; e despois de ter posteriormente unha asemblea aberta no Teatro de Ribadeo, moi concorrida, con moita xente do mundo do comercio pero tamén da cidadanía en xeral e doutras actividades, en todos eses foros o sentimento é unánime: de petición diante da Xunta para que pare esta loucura, a voz é unánime e está collendo visos de auténtica revolta social e popular”. E engadiu que “aínda que o Concello de Ribadeo, como o resto, no que tomamos posesión o sábado e aínda non estamos constituídos nin están as comisións funcionando nin os órganos colexiados aínda non están creados, é necesario tamén que agora os representantes dos veciños, que somos os do grupo que vai ser de goberno e o resto da Corporación, precisamente agora, recen escollidos, debémonos posicionar tamén, igual que o fixo onte en asemblea aberta a cidadanía e a asociación de comerciantes, respecto deste plan que a Xunta quere impoñer a partir do día 1 de xullo. Polo tanto acabo de convocar un pleno extraordinario e urxente, que como todos é aberto ao público, a partir das 9 da noite no salón de plenos do Concello de Ribadeo. E aí é boa cousa que todos os representantes dos veciños a través das 4 formacións políticas ás que o pobo nos conferiu o goberno do Concello para os próximos catro anos digamos o que pensamos acerca diso”.

O alcalde ribadense confía en que “o sentidiño que está imperando en Ribadeo tamén lle chegue aos oídos da Xunta. Sería boa cousa que fora dun xeito unánime, porque os representantes dos veciños que formamos parte de partidos políticos diferentes, como ten que ser, debemos ter moi claro que por enriba das estratexias partidarias temos ao noso pobo, que foi precisamente o que nos acaba de escoller hai uns días”.