O rexedor explicou que “fomos para Lugo moi preocupados e moi decepcionados polo que esperabamos que pasase no pleno da Deputación, onde se xogaba o futuro do noso soño colectivo: a residencia de maiores. Pero agora vimos de volta moi esperanzados e moi ilusionados porque outra vez mais, e xa van varias, que a razón, a legalidade e o sentidiño permite manter o proxecto dunha residencia cuns servizos de primeira, preferentemente para @s nosos veciñ@s e a uns prezos acordes cos seus ingresos”.

Suárez Barcia dixo: “parece ser que todo isto molesta. Molesta moito aos que non queren que isto vaia adiante. Alegrámonos moito coa actuación do goberno da Deputación e dos deputados que apoiaron estes Convenios bilaterais (entre Concello e Deputación) para honra non nosa, senón dos nosos paisanos e paisanas maiores que queren pasar os seus derradeiros anos preto do seu entorno, preto da súa familia”.

Para o alcalde “tamén quedaron retratados, vaia se quedaron os que en Ribadeo votan unha cousa e ao mesmo tempo en Lugo pretenden votar o contrario. Pero a xente debe sabelo. ¡Vaia se o debe saber! Chamei a todos os grupos para que nos acompañaran a presenciar o debate, ¿lembrades? Pois foron concelleir@s de todos os grupos, do goberno e da oposición, de todos, menos dun. A foto ilustra ben os que están e os que faltan”.

Suárez Barcia engadiu: “xunto cos meus compañeir@s de goberno quero valorar publicamente o apoio de Marta Saiz de Ciudadanos, e de Aurora González do PSOE, así como dos representantes das Asociacións Veciñais que estiveron mirando aos ollos dos que quixeron deixar a residencia de maiores de Ribadeo malparada”.

O rexedor ribadense subliñou que “agora toca que a Deputación aprobe para a semana que vén, non no Pleno, senón na Xunta de Goberno, onde si ten maioría para sacar adiante estes marabillosos, legais e progresistas Convenios, entre eles o da nosa residencia de maiores. E toca seguir traballando conxuntamente Concello e Deputación para seguir tirando polo carro e sabendo que aínda haberá mais paus nas rodas, seguro que os haberá. Pero habemos superalos e habemos sortear todos os obstáculos que nos poñan. Non lles temos medo cando temos a razón, a legalidade e o calor de moita boa xente da nosa parte. Boa fin de semana e que viva Ribadeo. Saúde e terra”.

Fernando Suárez dirixiu tamén a seguinte mensaxe final: “para todos os que vos empeñades en poñer trabas ás cousas boas que se fan pensando na xente maior, quérovos dedicar a letra da canción que vai no enlace, especialmente o estribillo. Venvos moi acaída.
https://youtu.be/81fcyIOvnP0?t=22s
Mais aínda seguimos aquí
a aturar tempestades de sal,
resistindo a violencia de mans
desas serpes e cans que nos queren calar.
Compañeiras nos soños do Edén,
unha illa no medio do mar,
que iluminan o loito máis negro,
que esquece o desterro e o medo a loitar
”.