Concello de Ribadeo

Espazos naturais

O territorio ribadense posúe hábitats naturais de notable diversidade. Entre os espazos que sobresaen por esta riqueza destaca o da propia ría, incluída en Rede Natura 2000 como LIC xunto co río Eo; declarada ZEPA desde 1989; e Zona Húmida de Importancia Internacional inscrita no convenio Ramsar desde 1994. A todo isto hai que sumarlle o seu recoñecemento como refuxio nacional de caza desde 1983.
A ría de Ribadeo constitúe un lugar de grande importancia como área de paso ou refuxio invernal de numerosas especies anátidas e limícolas (corvo mariño real, garzota, garza real, pato asubión, certeta real, alavanco real, pato rabilongo, galiñola negra…), mentres que as súas augas posúen importantes poboacións de salmón, lamprea, reo, cangrexo de río ou mexillón de río.

En canto á vexetación, especies de repoboación como o eucalipto ou o piñeiro marítimo ocupan amplas áreas no interior do territorio, onde foron substituíndo progresivamente a outras especies autóctonas. Xa no litoral, atopamos diversidade de hábitats costeiros (estuarios, chans lamacentos intermareais, cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas…) e abundante vexetación halófila (pasteiros salinos atlánticos, pasteiros salinos mediterráneos, matogueiras halófilas termoatlánticas e mediterráneas…). As superficies rochosas están cubertas fundamentalmente por uceiras e matogueiras propias de zonas temperadas e flora común da costa atlántica.

Clima

Polo que ao clima respecta o de Ribadeo, que se atopa dentro do dominio oceánico húmido, presenta trazos similares aos do resto da Mariña lucense, con temperaturas suaves (a media está entre os 13-14ºC e a oscilación térmica anual rolda os 11ºC) e con precipitacións moderadas (arredor dos 1.000 milímetros anuais). Os invernos adoitan ser temperados e os verás frescos, aumentando as precipitacións canto maior é a proximidade ás zonas de montaña. Nestas rexístrase habitualmente unha notable influencia dos ventos cantábricos.

Humidal Protexido: Ría de Ribadeo

O decreto 110/2004 do 27 de maio, no que se regulan os espazos naturais clasificados como Zonas Húmidas Protexidas para a Rede Natura 2000 en Galicia cataloga unha área de 563 hectáreas da Ría de Ribadeo como unha das cinco zonas húmidas protexidas das que existen actualmente en Galicia.

Á súa vez este espazo forma parte, desde 1994, do lugar Ramsar Ría de Ribadeo, que ocupa unha superficie de 1.192,2 hectáreas distribuídas polos termos municipais de Ribadeo, Vegadeo e Castropol (estes dous últimos en Asturias).

A ría de Ribadeo é un estuario formado na desembocadura do río Eo, aínda que tamén verten nela as súas augas outros cursos de menor entidade (río Grande, río Pequeno…). Predominan nel os hábitats intermareais de lodo e area, e os herbais halófilos ou subhalófilos. A súa parte máis abrigada proporciona acubillo a poboacións hibernantes de aves acuáticas e limícolas, constituíndo tamén un espazo ideal para diversas especies de flora de interese internacional.

Destaca pola súa diversidade de hábitats costeiros en bo estado de conservación, representados por diversas formacións vexetais (vexetación de marisma, chairas lamacentas intermareais, acantilados e matogueiras costeiras) e por constituír un lugar representativo para a rexión bioxeográfica atlántica de herbais salinos de Juncus maritimus e matogueiras salinas termoatlánticas.

LIC Ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo traza o linde entre Galicia e Asturias cunha orientación sur-norte e unha lonxitude de 10 quilómetros. Presenta moi escasa profundidade media xa que, na baixa mar, afloran grandes bancos de area que producen cambios espectaculares no seu aspecto segundo o estado das mareas.

A delimitación desta área como Lugar de Importancia Comunitaria inclúe tamén á illa Pancha, situada na desembocadura do Eo, na boca da ría. A illa ocupa aproximadamente unha extensión de 1 hectárea, está cuberta de vexetación herbácea e presenta unha orografía moi escarpada e recortada.

En canto á súa localización xeográfica, a ría de Ribadeo pertence ás chamadas Rías Altas atendendo á magnitude dos seus cantís, xa que nestas rías o mar só invade o curso final do río que as conforma. Se atendemos á súa orixe tectónica, a de Ribadeo é a única de tipo mixto, é dicir, que na súa formación intervén máis dun factor xeolóxico determinado, como poden ser os movementos da terra, a erosión mariña sobre rochas previamente alteradas ou as elevacións e afundimentos que interveñen en todos os procesos de formación de rías.

Observacións
Pola riqueza dos seus hábitats a ría de Ribadeo atópase baixo varias figuras de protección:

Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral dende a publicación do decreto 157/1995 da Xunta de Galicia. Inclúe todo o curso do río Eo. Esta figura resérvase para zonas que merecen o réxime de protección por ter recoñecidos uns valores naturais, culturais, científicos ou educativos singulares que se amparan cun réxime compatible cos usos e actividades tradicionais de aproveitamento ordenado das produccións, sendo compensadas todas aquelas limitacións aos seus usos.

Convenio Ramsar asinado polo Estado español para a protección das zonas húmidas. Neste convenio inclúense zonas húmidas de importancia internacional de acordo coa súa riqueza ecolóxica, zoolóxica, botánica, hidrolóxica… moi especialmente como hábitat de aves acuáticas migratorias.

Zona de Especial Protección para las Aves (ZEPA) dende 1989. Considéranse con este réxime de protección aqueles espazos onde se atopan as medidas axeitadas para evitar a contaminación ou deterioro dos hábitats ou as perturbacións que afectan ás aves.

Refuxio de Caza dende 1983.

Punto de Interese Xeolóxico. A Rasa está recollida na publicación do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (1983) e catalogada como ‘de interese xeomorfolóxico, didáctico e rexional’. Teñen esta consideración aquelas áreas que amosan unha ou varias características consideradas de importancia dentro da historia xeolóxica dunha rexión natural.

Espazo natural protexido dende 1991.

Área de Importancia para as Aves. A ría de Ribadeo está decretada como Important Bird Area (número 8) polo Consello Internacional para a Conservación das Aves (ICBP), en colaboración coa Oficina Internacional para o Estudo das Aves Acuáticas e as Zonas Húmidas (IWRB) e a Sociedad Española de Ornitología. A ría de Ribadeo foi seleccionada por ser una importante zona de invernada e descanso migratorio de anátidas (parrulo rabudo, o pato asubión, cupón, lavanco…) e limícolas (pilro común, mazarico real…).

Espazo incluído en Rede Natura 2000 e na Directiva de hábitats dende 1992. No Eo podemos atopar os mellores bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña así como zonas pantanosas básicas.

Monumento Natural: As Catedrais

A praia das Catedrais, ademais de Lugar de Importancia Comunitaria, ten tamén a categoría de Monumento Natural, que se lle atribúe a espazos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial.

O decreto co que se declara esta praia como Monumento Natural establece as medidas de protección necesarias para asegurar a conservación deste espazo, que ten unha superficie de 28,94 hectáreas.

Observacións
Na parte superior dos cantís existe unha boa representación de uceiras e toxais aerohalinos entre os que destaca a presenza de Erica vagans, unha especie que en Galicia está restrinxida a algúns puntos do seu extremo setentrional.

Reserva da biosfera: Río Eo, Oscos e Terras de Burón

En setembro do ano 2007 a UNESCO, dentro do programa Home e Biosfera, aprobou a declaración do río Eo, Oscos e Terras de Burón como Reserva da Biosfera. Este espazo converteuse así na primeira reserva de España con carácter intercomunitario e promovida por iniciativa de dous gobernos autonómicos.

A área declarada ten unha superficie de 158.883 hectáreas (máis do 65% dese territorio é galego) e agrupa un total de catorce concellos (sete de cada comunidade autónoma) que suman preto de 33.000 habitantes. Conforma un contorno no que converxen valores paisaxísticos e medioambientais e no que atopamos paisaxes de media montaña (chega ata os Ancares), fluviais (co río Eo como eixe que vertebra este territorio) e marítimos (Cantábrico). A parte galega deste espazo está integrada polos municipios de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, mentres que as asturiana suma os concellos de Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos.

A parte galega deste espazo está integrada polos municipios de Ribadeo, Trabada, a Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, mentres que as asturiana suma os concellos de Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos.

Zona de Especial Protección para as Aves

O espazo formado polo río Eo e a ría que conforma na súa desembocadura representa un magnífico biótopo para numerosas especies de aves, característica pola que lle foi concedida a categoría de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en 1989.

Esta ZEPA, de 1.915 hectáreas de extensión, inclúe tamén unha zona de territorio asturiano, representando a parte galega unhas 613 hectáreas.

Considéranse con este réxime de protección aqueles espazos nos que se detectan medidas axeitadas para evitar a contaminación ou o deterioro dos hábitats ou as perturbacións que afectan ás aves.

En boa medida a ría de Ribadeo foi seleccionada por ser una importante zona de invernada e descanso migratorio de numerosas especies anátidas e limícolas (corvo mariño real, garzota, garza real, pato asubión, certeta real, alavanco real, pato rabilongo, galiñola negra…).