Ermida dixo que “o Concello de Ribadeo quere deixar claro, sen ningún ánimo de protagonismo mais deixando claro o traballo e o esforzo económico que supón para nós, parécenos cando menos inxusto que todo o éxito e recoñecemento que está a ter o areal das Catedrais  se lle atribúa á Consellería de Medio Ambiente da Xunta”.

A edil nacionalista subliñou que “contamos cun total de 26 traballadores, entre persoal de salvamento e limpeza para as praias, dos que soamente 8 están subvencionados pola Xunta por un período de 2 meses. E a estes 8 traballadores o Concello págalles 100 euros máis a cada un para equiparar o salario do ano anterior. Aumentóuselles o tempo de contratación para ofrecer servizos o máximo tempo posible, contratamos a persoal de limpeza desde Semana Santa. Todo a cargo do Concello de Ribadeo co esforzo, repito, económico e de organizativo que iso supón”.

A concelleira de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño indicou que “tanto o goberno de Ribadeo como os traballadores que neste momento forman parte do equipo de Medio Ambiente traballamos para cumprir coas nosas obrigas, cada quen onde lle compete. Non precisamos loubanzas máis aló do recoñecemento do traballo ben feito, que sempre se agradece, mais tampouco imos permitir que ninguén recolla os froitos que nosoutros sementamos”.