Ana Martínez explicou que “hoxe, dentro das actividades programadas no obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño, coordinadas polo Concello, puidemos percorrer o tramo urbano do Camiño de Santiago ao paso por Ribadeo, mesmo dende a entrada en Porcillán ata o que supón a chegada á parroquia de Ove, co colexio público Gregorio Sanz”.

A edil ribadense manifestou que “as alumnas e os alumnos deste obradoiro están a facer unha serie de actividades dentro do que é o ámbito cultural, turístico e histórico arredor do Camiño de Santiago, están a impartir unha serie de charlas nos diferentes colexios e institutos e hoxe á a primeira das saídas que se van facer cos alumnos e alumnas dos colexios”.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio subliñou que “a importancia de coñecer o patrimonio e a historia fai que o poidamos poñer en valor, que poidamos saber cal é esa parte cultural e histórica do Camiño ao paso por Ribadeo. 200 rapaces e rapazas percorreron hoxe esta ruta que eu creo que para eles tamén foi, nalgúns casos, unha sorpresa porque non soamente fixeron o Camiño senón que descubriron o patrimonio histórico, cultural e arquitectónico que as alumnas e alumnos do obradoiro lles foron explicando e amosando. Creo que a coordinación dos diferentes actores que participamos na promoción turística e no coñecemento histórico e cultural do noso concello,  fai quizais aínda máis grande este tipo de obradoiros”.

Ana Martínez quixo “agradecer a todos os participantes, ao propio colexio Gregorio Sanz por implicarse, e esperar a que outros colexios que tamén están en datas próximas, porque tamén haberá outras visitas no tramo que se fai desde Ribadeo ata a igrexa da Ponte, onde tamén estas alumnas e alumnos do obradoiro están a dar información das pinturas e da parte histórica que supón todo aquel entorno da Ponte de Arante e o Camiño de Santiago neste tramo”.

A responsable de Turismo no Concello de Ribadeo quixo “embrar que mañá comezan as charlas, ás cinco e media, na Casa do Mar, para todas aquelas e aqueles emprendedores ou empresarios e empresarias que teñan pensado vincular a súa actividade ao redor desta posibilidade económica tamén que abre o Camiño de Santiago. Alí estaremos para escoitar aos poñentes que veñan darnos esa información e ver as particularidades que máis nos poidan interesar para o noso desenvolvemento profesional”.