A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “tal e como tiñamos planificado, logo da xuntanza que tivemos coa asociación de veciños de Rinlo hai uns meses sobre as necesarias melloras na escola municipal, quedamos en buscar a maneira de arranxar este inmoble municipal. Por iso, ao principio do verán solicitamos da Deputación de Lugo axuda económica para lograr este obxectivo, posto que a que tiñamos solicitado á Xunta de Galicia para ese fin a principios de ano viñera denegada”.

A edil ribadense manifestou que “afortunadamente, no dia de hoxe, se asinou o convenio de colaboración interadministrativa entre a Deputación de Lugo e máis o Concello de Ribadeo para financiar as obras de mellora e equipamento deste edificio público que ten múltiples funcións sociais, culturais, de lecer, etc…”.

Otero Cabarcos explicou que “o convenio servirá para financiar o proxecto que redactou o técnico municipal e que ascende a uns 23.600 euros, e recolle todas as suxestións feitas pola asociación de veciños no seu momento, como foron por exemplo as de arranxar os problemas de humidade, revisar a cuberta, reparar a carpintería, eliminar os problemas de filtración de auga nos aseos, pintar e reparar a zona do peche da parcela e dotar de radiadores e mobiliario”. 

E engadiu: “queremos polo tanto cumprir cos nosos compromisos nesta parroquia e cos veciños e veciñas dela porque queremos ir mellorando estes edificios municipais para ir facendo destes espazos uns lugares de xuntanza e actividades varias agora que a pandemia empeza a quedar atrás”.