O rexedor sinalou que “agora en plena época primaveral é cando estamos desde o Concello intentando facer todas estas obras moitas veces das deterioracións dos invernos, das fochancas tanto na vila como nas parroquias, e algo que iremos facendo agora nesta temporada de aquí en diante”.

Suárez Barcia dixo que “hoxe centrándonos no casco vello de Ribadeo, estamos iniciando estes traballos de reposición destas plaquetas de granito que polo paso sistemático de vehículos pesados se están movendo, estamos coa brigada de obras intentando resolver paseniñamente estas incidencias en varios puntos da vila”.

O alcalde ribadense subliñou que “tamén estamos actuando nunha obra importante, trátase dunha conectividade entre dúas rúas de diferente nivel do casco vello a través dunhas escalinatas, dunhas escaleiras que se chaman comunmente escaleiras de Martínez, elemento singular arquitectónico importante. Conta coa autorización de Patrimonio e estamos procedendo á restauración, tapado de ocos para que non sexa perigoso porque nalgúns sitios era perigoso e alguén podía facerse dano. Está quedando realmente ben e estamos logrando recuperar unha conectividade entre dúas rúas a distinto nivel”. O investimento que se realiza nestes traballos achégase aos sete mil euros.

Fernando Suárez Barcia concluíu: “trátase dun recuncho máis do noso casco vello. De ir recuperando para que este casco vello que estamos facendo coa iniciativa pública xunto coa recuperación que está facendo a iniciativa privada, entre todos estamos conseguindo que o casco vello sexa un casco novo no senso dun casco remocicado, un casco vivo, un casco histórico atraínte para o turismo, para os que viven alí e para novas iniciativas comerciais.