O rexedor declarou que “no día de hoxe materializamos un novo paso neste soño colectivo, que é a residencia municipal de maiores de Ribadeo, coa sinatura destes dous contratos para o seu equipamento. Foi un proceso administrativo complexo e longo polo seu montante económico, dado que empezamos en maio a tramitar coa publicación do anuncio de licitación no Diario Oficial da Unión Europea, pola magnitude económica”.

Suárez Barcia dixo que “despois dun longo proceso de publicación, de presentación de ofertas, de selección, de dotación das garantías necesarias, etcétera, con todos os parabéns técnicos e xurídicos, no día de hoxe vimos de asinar este contrato coa empresa Lógica para o que ten que ver co equipamento de camas, camas articuladas, mesiñas, cortinaxes, todo o mobiliario para as salas de estar e para as zonas comúns, etcétera, por un importe de 203.000 euros. E tamén vimos de asinar un contrato coa empresa Alarsa por importe de 75.000 euros para todo o que ten que ver coa cociña, os electrodomésticos, a lavandería, etcétera, que contan con moitos avances e incluso con facilidades ergonómicas tanto para os traballadores como para os usuarios, ademais todo cunha capacidade sobrada para todas as persoas que traballen e vivan alí”.

O alcalde indicou que “en definitiva son 278.000 euros de diñeiro público, que unha parte moi importante, coma sempre, está participada pola Deputación Provincial de Lugo, que se portou moi ben cos veciños e veciñas de Ribadeo nestes últimos anos. Aínda que non foi así por parte do resto de administracións, a Deputación sempre estivo moi achegada aos problemas e necesidades de Ribadeo e ás reivindicacións que desde o Concello lle fixemos, sempre contando coa participación de todos os grupos políticos, aínda que neste mandato o grupo municipal do Partido Popular desgraciadamente non quixo estar nesta loita colectiva que levamos mantido entre todos”.

Fernando Suárez engadiu que “agora o prazo para a dotación deste equipamento será dun mes e pico. E así estamos iniciando o principio do final desta primeira fase, que consistía na disposición dos terreos, na licitación e construción do edificio, coa demolición previa das vivendas dos profesores e agora culminamos esta primeira fase co equipamento. A partir de aí iniciaremos unha segunda fase, que será a consecución das autorizacións previas da Xunta de Galicia para a súa posta en funcionamento á maior brevidade posible”.

No acto celebrado esta tarde no Concello estiveron ademais do alcalde, a concelleira de Servizos Socisanitarios, o secretario municipal e representantes das empresas asinantes.