O rexedor lembrou que “xa nos últimos días do ano 2016, as obras do que ten que ver co edificio da residencia de maiores rematáronse e fixéronse entrega formal ao Concello por parte da empresa construtora, e desde aquela son varios os pasos que seguimos dando. Por unha banda, estes días estamos recabando a documentación técnica da empresa adxudicataria que ten que demoler este edificio que quedaba pendente, o das antigas vivendas dos profesores, para garantir unha mellor zona de esparcimento, para que toda a xente maior teña máis zona verde, dado que aquel edificio non tiña ningunha utilidade práctica coas normativas vixentes a día de hoxe”.

Suárez Barcia subliñou que “nesta semana damos un gran paso tamén porque desde este sábado está publicado no Diario Oficial da Unión Europea, o contrato de subministro por procedemento aberto para o equipamento e amoblamento do centro de atención a persoas maiores de Ribadeo, por un importe total de 371.155 euros”.

O alcalde detallou que “esta licitación está dividida en dous lotes. O lote un ten que ver co equipamento e amoblamento en xeral, e o lote dous ten que ver coa lavandería e a cociña. Para iso vai haber un prazo de 52 días para que todas aquelas empresas que estean capacitadas para poder subministrar todo este material, poidan presentar a oferta máis vantaxosa”.

Suárez Barcia explicou que “se trata de amoblar os cuartos, as salas de estar, a lavandería, a cociña, en definitiva darlle todo o contido a este edificio marabilloso. Todas as ofertas ademais de recoller as características técnicas que establecemos de cada elemento, deberán recoller tamén un ambiente acolledor, dado que isto vai ser unha gran casa para unha gran familia de homes e mulleres de Ribadeo fundamentalmente, que no seu momento veñan pasar aquí os últimos días da súa vida e a residencia ten que estar nunhas condicións inmellorables”.

O alcalde contou que “durante todo este tempo estivemos avaliando e valorando, vendo outras residencias públicas tamén, para que o equipamento sexa de primeira calidade, o máis ergonómico posible e o mellor para o uso e disfrute de toda a xente maior que no seu momento poida ir para aí”.

Fernando Suárez destacou que “esta importante cantidade económica, 371.155 euros, é co financiadas entre dúas institucións, o Concello de Ribadeo e a Deputación Provincial de Lugo, que sempre estivo e sempre está aí para botarnos unha man os veciños e as veciñas de Ribadeo. Desgraciadamente non podemos dicir así da outra entidade que ten as competencias en materia de servizos sociais, isto é a Xunta de Galicia, e que a día de hoxe aínda falta por poñer o primeiro céntimo. Pero con todo, e a pesares de todo iso, estamos dando os pasos adiante e os pasos firmes para que isto sexa unha realidade. A pesar da Xunta, pero será unha realidade”.