O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “temos á volta da esquina as datas do Entroido, queda menos dun mes, un Entroido que desde logo non é como outro ano calquera. En primeiro lugar porque a covid aínda non se foi de todo, a día de hoxe seguimos baixando en incidencia, pero aínda temos numerosos casos que afortunadamente non son situacións tan graves como foron non hai moito tempo. E pola outra banda, porque tampouco houbo comisión de Entroido que puidese facer todas estas actividades previas de recadación de diñeiro para sufragar os diferentes custos que ten o evento. Aínda que o Concello sempre apoia de xeito importante, pero desta volta non tivemos a quen apoiar porque precisamente non houbo comisión”.

O rexedor anuncia que “foi polo que neste ano o Concello de Ribadeo e Acisa, diante da falta de comisión organizadora, decidimos traballar conxuntamente unha vez máis para que, aínda que con formato reducido e adaptado ás circunstancias da pandemia, a veciñanza poida gozar deste festividade. De aí que non vai haber estas previas como a festa dos freixós, o día do cocho ou a Queima, non van ser posibles nesta edición, pero si faremos actividades para os nenos e as nenas como un baile infantil, que vai ser no Rosalar, como tamén faremos o desfile do Entroido para o Martes de Carnaval”. O baile infantil será o 27 de febreiro ás 17 horas. E o desfile, o 1 de marzo, dará comezo tamén ás cinco da tarde. Nos días previos haberá animación na rúa. 

Suárez Barcia sinala que “nesta edición repartiranse algo máis de 4.000 euros en premios, que faremos públicos nas bases ao longo desta semana. Pero queremos resaltar que, no contexto da pandemia no que estamos a vivir e onde debemos conxugar a precaución co lecer, a programación queda supeditada á normativa sanitaria vixente da Xunta de Galicia. Así polo tanto podemos avanzar que, para velar pola seguridade seguindo os protocolos que hoxe en día están vixentes, para o baile infantil as persoas adultas acompañantes terán que presentar o certificado covid para acceder á sala de festas Rosalar e os nenos e as nenas maiores de seis anos deberán usar tamén a máscara. Con respecto ao desfile do Martes de Entroido, será obrigatorio o uso de máscara tanto para os participantes como para o público incluíndo tamén as charangas e as comparsas. Nestes vindeiros días faremos públicas as bases e as fichas da inscrición, pero para máis información xa desde hoxe poden consultar nos teléfonos ben do Concello ou ben da asociación de comerciantes, ou nos respectivos correos electrónicos”.

Entre os premios destaca o da Mascarita, personaxe tradicional do Entroido que se quere rescatar e poñer en valor. O seu humor, retranca e interacción coa xente son elementos esenciais e moi propios desta festividade. Con este premio, dotado por primeira vez cunha importante contía en metálico -300 euros-, preténdese contribuír a nutrir o desfile e dotalo do humor e da retranca que tanto se precisa nestes tempos tan influídos pola pandemia. As  bases do desfile, a ficha e forma de inscrición faranse público nos vindeiros días.  Pero para facilitar e consultar información dende hoxe, poden contactar nos teléfonos 982 131565 – 128689 – 120 565.

Desde a organización Concello e Acisa lembran que “o Entroido é un evento de notable importancia, non só pola vertente lúdica senón tamén pola económica debido á variedade de establecementos que se nutren do goce destas datas. Animamos a toda a veciñanza a que participe activamente disfrazándose e saíndo á rúa, decorando escaparates, ofrecendo a gastronomía típica destas datas … para derrubar as barreiras que a pandemia instalou nas nosas vidas”.