O salón de plenos do Concello de Ribadeo acollerá o vindeiro venres, 24 de febreiro, o acto de entrega de 29 vivendas de promoción pública aos seus adxudicatarios. Será nun acto previsto para as 10:30 horas.

Fernando Suárez sinalou que “por fin despois de moito tempo, de moitos anos de traballo, 29 familias verán colmado o seu soño de ter unha vivenda de protección oficial”. O rexedor lembrou “o traballo realizado polo Concello, que hai anos puxo a disposición do goberno galego os terreos necesarios para proceder a esta construcción. O bipartito na Xunta acolleu de bó grao a nosa proposta e levou adiante o proxecto licitando unhas obras moi importantes para Ribadeo. Agora estamos xa na fase final”.

Suárez Barcia déulle os parabéns do Concello a todas as familias, “desexo que estas vivendas lles resolvan unha situación complicada, sobre todo a día de hoxe”. O alcalde tivo palabras de agradecemento para a actual Xunta “porque acolleu con interés os trámites realizados polos seus antecesores para chegar agora á entrega do lote destas 29 vivendas”. Fernando Suárez subliñou que “da colaboración entre institucións son beneficiarios os veciños, neste caso, de Ribadeo”.

Ao acto do vindeiro venres acudirán o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o director xeral do IGVS, Antonio Boné; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; e membros da Corporación Municipal.