Cen historias máxicas pola Mariña encantada, de Antonio Reigosa con ilustracións de Neira Brosch, foi editado por Gráficas Lar, de Viveiro, e patrocinado pola Área de Cultura da Deputación da Lugo. Trátase dun libro no que se recollen encantos, milagres, seres e lugares lendarios da comarca. Hai uns días que a vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro, lles entregou aos Concellos 500 exemplares desta publicación para a súa distribución nas bibliotecas e nos centros educativos. E iso foi o que fixo onte a edil ribadense, Pilar Otero, co obxectivo “de contribuír á divulgación do acervo cultural e da creación artística da comarca en particular e da galega en xeral”.

Ademais de exemplares do devandito libro os centros de ensino tamén contarán con Rosas envaiñadas, un poemario do autor focense Paco Rivas.

O acto de entrega destes libros aos centros de ensino de Ribadeo tivo lugar na Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho.