O proxecto Entre Arcos e Cantís, presentado en conxunto polos Concellos de Ribadeo, Burela e Cedeira ao Grupo de Acción Local do sector pesqueiro A Mariña-Ortegal, obtivo unha financiación por un importe de 118.991 euros, o que representa case o 80% do orzamento solicitado (149.808 euros). 

Os Concellos avalían dun xeito moi positivo “a experiencia de traballar de maneira global un territorio cun patrimonio tan magnífico, o que permite reforzar a importante líña de costa e o seu valor xeolóxico como posibilidade de turismo sostible e diferenciador”.

E engaden: “somos  conscientes da importancia do traballo en rede, e da necesidade de establecer estratexias conxuntas que reforcen  a identidade do territorio. Este proxecto para nós supuxo a interacción e o coñecemento dos tres concellos, descubrir esta riqueza do patrimonio natural non só como experiencias turísticas, que tamén, senón ao presentala dentro do marco territorial como unha posibilidade de dinamización local a través do seu coñecemento, o cal era un dos principais obxectivos deste traballo”.

Sobre o traballo realizado explican desde os Concellos de Cedeira, Burela e Ribadeo que “foron diversas as accións desenvoltas en dúas anualidades, as que permitiron a milleiros de visitantes disfrutar de rutas guiadas e interpretadas nos tres concellos, identificación e sinalización de rutas auto-guiadas, actividades formativas para coñecer e aproveitar a riqueza do valioso patrimonio xeolóxico, paisaxístico e cultural presentes nos concellos de Burela, Cedeira e Ribadeo, procurando así unha estratexia de turismo sostible e unha identidade de marca do territorio da Mariña-Ortegal”. 

E seguiron a relatar que “a creación dunha páxina web http://www.entrearcosecantis.org/ e unha app que permitan a través da rede e de xeito tamén audiovisual a difusión da riqueza e beleza da nosa costa xunto coas posibilidades turísticas que ofertamos, é outra das accións importantes do proxecto: aquilo de que unha imaxe vale mais que mil palabras ten moito sentido neste caso. Quen non queda abraiado cando descubre en  Ribadeo  a presenza do maior conxunto de arcos rochosos da Península Ibérica co máximo expoñente na praia das Catedrais, así coma os pregues tombados da zona de Piñeira ou os Ollos de Rinlo; no caso de Burela a agrupación de pregues mellor conservados e con maior interese científico e didáctico do territorio nacional e a ampla variedade de rochas (ígneas, metamórficas e sedimentarias) que fan deste concello un referente xeolóxico tanto a nivel nacional como internacional. E Cedeira presenta a forza visual da Serra da Capelada, cos cantís máis altos da Europa Continental ou a praia de Teixidelo, única con area negra non volcánica de toda a Terra”.

“Todo isto tamén se ten levado aos centros educativos a través de rutas guiadas nos tres concellos, pois unha das cousas importantes para a conservación e custodia do territorio é o seu coñecemento”.