Suárez Barcia sinalou que “estamos encarando a recta final do que vai ser esta obra tan bonita, tan atractiva e tan importante tanto desde o punto de vista etnográfico como turístico. Trátase dunha nova ruta que parte da praia dos Bloques, seguindo pola enseada Vilavella e a través dun sendeiro irá dar ata os muiños das Aceas”. O alcalde de Ribadeo lembrou que “hai tres anos expropiamos os terreos e os puxemos a disposición do Ministerio de Medio Ambiente, e agora están a rematar unhas obras que a un mes vista estarán entregadas ao Concello. Xa vemos que hai xente que está a pasear por esta ruta, aínda que está sen inaugurar, ademáis non deberían empregala para evitar calquera tipo de problema, pero está dando unha imaxen moi positiva e distinta do que moita xente ve desde a estrada N-642, que é a que vai ata A Veiga. Ata o momento só se observaba unha pantalla de eucaliptos e non se divisaba o que agora se poderá ir vendo”.

Fernando Suárez engadía que “estes días vánse instalar os mecanismos dos muiños de mareas para que se poida ver por parte de turistas e escolares cómo funcionaba un muiño de mareas, cómo funciona un muiño de regato. Estamos a pensar qué utilidade darlle á antiga fábrica de algas, que se chamaba así aínda que non fabricaban algas senón que lle sacaban os principios activos a esta flora mariña”. O rexedor considera que “esta actuación será un revulsivo desde o punto de vista turístico para Ribadeo, non puido estar operativa para este verán de 2011, pero para este nadal ou para a semana santa de 2012 estará a disposición de todos os turistas e visitantes deste concello de Ribadeo, que está a destacar polo seu atractivo para que veña máis e máis xente a disfrutar da nosa gastronomía, da nosa hostelería, etc”.