A edil Mª Teresa González Piñeiroa sinalou que “esta vez son a redes sociais as que nos ocupan (Facebook, Tuenti, Twitter…).Os destinatarios non son só @s moz@s senón tamén as familias e a veciñanza en xeral.  Os nosos obxectivos con este programa son facer reflexionar @s moz@s sobre o tempo que adican a estas redes, formalos para que sexan conscientes da necesidade de protexer a intimidade na rede e animar ás familias a que se informen e usen estas ferramentas coma un medio de achegamento aos seus fillos e fillas. Trátase de explotar este  potencial didáctico e social, pero coa prudencia que ofrece unha boa formación e información”.

A concelleira nacionalista explicou que “o traballo que imos  facer para acadar isto é un breve audiovisual realizado polos propios alumn@s participantes, que, de esta maneira actuarán como mediadores (110 alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO dos centros de ensino secundario Sagrado Corazón, IES Dionisio Gamallo Fierros, e IES Porta da Auga)”. E engadiu que “contaremos coa inestimable axuda dos equipos directivos dos centros, dos departamentos de Orientación e sobre todo dos titores-as e dos alumn@s de 1º e 2º ESO, e tamén coa colaboración dun experto Jorge Castro Ruso, autor dos blogues  Menores en red e Menores en rede, que leva máis de 20 anos traballando no eido da educación non formal e 3 adicándose especialmente ás tecnoloxías da educación e da información”.

O programa EnREDatE con xeito dará comezo o vindeiro 24 de novembro, González Piñeiroa manifestou que “rematadas as reunións entre os responsables dos centros de ensino e esta Concellaría, xa podemos dicir que o programa se atopa en marcha e que as datas previstas para ter a Jorge Castro Ruso entre nós son o vindeiro 24 de novembro e 2 de decembro. O noso agradecemento desde aquí pola súa inestimable colaboración”.