O responsable de Cultura salientou que “para nós na Concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo é un pracer apostar pola poesía. Este ano puxemos en marcha un ciclo Ventos Poéticos, que inaugurou o noso insigne poeta Xavier Rodríguez Baixeras e seguiremos apostando pola poesía con este encontro poético Galicia-Madrid e cara o outono volveremos facer outro acto poético. A poesía tamén fará acto de presenza na Feira do Libro que teremos no primeiro fin de semana do mes de xullo dando comezo á actividade do terceiro trimestre”.

Farruco Graña dixo: “este encontro poético Galicia-Madrid debo agradecerlle a Yolanda Castaño a proposta que nos presentou o verán pasado nada máis tomar posesión do cargo. Esta idea parécenos interesante porque todo o que sexa intercambio cultural entre distintas linguas e distintos pobos é apostar pola variedade, pola riqueza e polo sincretismo posterior que se poda dar no plano estético entre diferentes estilos e diferentes linguas”.

O concelleiro de Cultura salientou que “nesta ocasión será con poetas madrileños, en edicións futuras poderíase organizar encontros poéticos con outras linguas do estado ou doutros países como poida ser Portugal. O importante é ir paso a paso sentando as bases dunha tradición de recitais poéticos que fagan de Ribadeo tamén unha referencia nese eido”.

Graña convidou a “todas as xentes amantes da poesía e a cultura a achegarse no seu momento a Ribadeo a principios do mes de xuño e queremos enviar un saúdo moi fraternal aos homes e mulleres que se dedican á poesía en Madrid e que van dar acollida á primeira parte deste encontro Galicia-Madrid que vai estar representado no caso galego por Xavier Rodríguez Baixeras, Olaia Cociña e Yolanda Castaño”.

Pola súa banda a poetisa Yolanda Castaño manifestou que “A Mariña sempre foi unha canteira poética, unha sede inmellorable para a poesía e queremos traer a poesía viva tanto de Galicia como doutros recantos do estado a todas as persoas amantes da poesía, pero tamén nos gustaría seducir a propios e estraños, que se perda un pouco o medo a poesía e acudan a esta convocatoria a descubrir cómo seguramente a poesía ten moito máis que dicirlles do que pensan”.

O ribadense Xavier Rodríguez Baixeras cre que “é importante que a poesía apareza ao público que non sexa algo exclusivamente persoal e subxectivo senón que se dea a coñecer a través do recital. Se nós aquí en Ribadeo contamos con locais apropiados como temos para efectuar estes recitais de poesía entón estou certo de que o acontecemento será moito máis importante. É clave que a poesía se manifeste mediante recitais”.

A primeira parada deste intercambio poético Galicia-Madrid terá lugar este xoves, día 7, en Madrid na Asociación de Escritores e Artistas Españoles ás 20:00 horas. Xunto aos poetas galegos Xavier Rodríguez Baixeras, Olaia Cociña e Yolanda Castaño participarán os madrileños Vanesa Pérez Sauquillo, Jorge de Arco e Carlos Aganzo. A volta será en Ribadeo o día 3 de xuño no Cine Teatro ás 20:30 horas.