En Ribadeo remataron as obras no Centro de Día, que supuxeron un investimento de 50.000 euros por parte da Xunta de Galicia

121224 Foto visita centro de día Ribadeo

O alcalde, Dani Vega, agradece a contribución da administración galega para a mellora deste concello.

O rexedor explicou que “remataron as obras do Centro de Día cunha inversión por parte da Xunta de Galicia de 50.000 euros, concretamente con Política Social, a cal lle queremos dar as grazas por todo o que está contribuíndo para mellorar Ribadeo, en edificios e tamén en actividades. Ese financiamento nos está servindo e nós estamos aproveitándoo para actividades e tamén para mellorar os edificios que están destinados ás persoas”.

Vega indicou que “neste caso o Centro de Día, que estaba nunha situación bastante complexa, había unha falta de inversión e nós, cando chegamos, xa nos puxemos a traballar. Houbo un primeiro convenio de 16.300 euros, con certas melloras e agora estes 50.000 euros. Qué melloras se fixeron? En toda a parte dianteira o que se fixou foi un acondicionamento para que as persoas poidan estar realizando actividades fora. Creo que a construción desa beirarrúa con nivel vai ser de moito agrado para as persoas que acoden ao Centro de Día. Tamén queríamos construír esa rampla con esa varanda de seguridade. Entón desde o punto de vista da seguridade melloramos, pero tamén desde un punto de vista da accesibilidade”.

Para o alcalde “é preciso seguir traballando na mellora da accesibilidade dos edificios, tanto en prazas públicas como en edificios. Estamos avanzando, pouquiño a pouco. No Centro de Día, que parece contraditorio, pero era así, era moi complicado que unha persoa con mobilidade reducida entrara con certa tranquilidade, ou xa non digo un vehículo que puidera estar ou acceder con maior facilidade. Creo que a mellora da accesibilidade e da seguridade é importantísimo. Seguir mellorando o edificio, a fachada ou o entorno das ventás, todo iso que estaba certamente bastante descoidado, corrixímolo”.

Dani Vega engadiu: “tamén queremos dotar de equipamento ao Centro de Día, 31 cadeiras que se aportaron, e seguir con certas melloras na parte interior do edificio. Toda esta inversión seguirá avanzando nese Ribadeo social que queremos. Está moi ben investir, está moi ben conseguir orzamento para arranxar os edificios, pero debemos ser conscientes que debemos conservalos e facerlles o mantemento adecuado. Polo tanto, unha nova inversión, un novo convenio, que ven por parte da Xunta de Galicia para mellorar nesta caso o Centro de Día”.