En Ribadeo remataron as obras de conservación das fontes da Graña e de Cedofeita
En Ribadeo remataron as obras de conservación das fontes da Graña, en Ove, e de Cedofeita. Foi a través do proxecto Fontes Vivas, que conta co financiamento do Agader da Xunta de Galicia.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “rematan as obras nas dúas primeiras fontes que estamos a rehabilitar. Fontes Vivas é o proxecto que presentamos ante a Xunta de Galicia na busca dese orzamento necesario para rehabilitar. É moi importante investir nese patrimonio que nos foi entregado gratuitamente, pero é sumamente importante conservalo no tempo”.
O rexedor dixo que “estas fontes que estaban abandonadas, é dicir que se deixou de facer un mantemento, unha conservación, e acabaron debaixo das silvas, o que pretendemos é todo o contrario. Primeiro paso, buscar ese orzamento que o conseguimos na Xunta de Galicia, despois investir é dicir rehabilitar e agora conservar no tempo”.
E subliñou que “con este orzamento rehabilitamos estas dúas primeiras fontes, na Graña en Ove e tamén en Cedofeita. Pois 20.000 euros, que é o orzamento para investir, para rehabilitar e así conservar as fontes que nos foron entregadas gratuitamente e agora temos a obriga de conservar”.