No decurso dese acto a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, declarou que “a iniciativa enmárcase dentro de Non pasa nada, pasa algo, que é un programa preventivo sobre o cannabis. Realizamos este programa conscientes da pouca percepción do risco que hai entre a mocidade con respecto aos porros, incluso da boa prensa que ten e a boa fama de que goza esta substancia que fai que moitas rapazas e rapaces o vexan como algo inocuo, e incluso beneficioso para a saúde”.

A edil ribadense sinalou que “está dirixido a alumnas e alumnos de quince anos en adiante e realizouse o curso pasado con alumnos do CIFP Porta da Auga, aos que agradecemos moitísimo o seu traballo que fixeron integramente eles. Tamén queremos dar as grazas á súa orientadora Marta Fojo, e ao seu titor, Isidro Berdeal, e por suposto ao equipo directivo”.

Pola súa banda a responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Aditivos, Mónica Fernández Lamparte, explicou cómo xurdiu esta iniciativa: “en principio reunímonos Marta Fojo, a orientadora, e eu, e decidimos que o curso de formación profesional básica sería un bo grupo para realizar un programa así. Eles estiveron dispostos desde o primeiro momento e realizámolo durante todo o curso pasado”.
Fernández Lamparte detallou que “fixemos cinco sesións, unha primeira era unha sesión formativa que fixemos cun power point no que falamos do todo o referente ao hachís e á marihuana, tanto cousas negativas como positivas, como se usaba medicinalmente, etc…Despois tivemos catro sesións de traballo que foron bastante duras porque o folio en branco impón moito, tivemos que poñernos de acordo en se facíamos un folleto, un díptico ou un cartel. Ao final quedou esta infografía que eu creo que cumpre a súa labor porque nela falamos de experiencias auténticas destes chicos. Van cun nome falso e contan a súa primeira vez, e os ex fumadores contan porque deixaron de fumar”.

Mónica Fernández salientou que “queda claro que non todos fuman porros aínda que se pense que toda a mocidade os fuma, contan experiencias e cousas chungas. Damos información sobre se alguén quere poñerse a tratamento e tamén información sobre o seu uso terapéutico no Observatorio Español de Cannabis Medicinal, que é unha páxina web seria sobre este tema porque desde logo o cannabis ten moitas aplicacións medicinais”.

A responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias explicou que “previamente a isto fixéramos un cuestionario e atopámonos con que un 75% deste grupo de 19 chicos non fumaba porros actualmente, si que tíñamos un 31% de ex fumadores, un 31% que non o probaran nunca e un 13% que o probaran unha soa vez. Só había un 25% que o fumaban na actualidade e desta porcentaxe todos estaban pensando en deixalo”.

Mónica Fernández Lamparte subliñou que “o traballo non é teórico senón con persoas que tiveron relación con esta substancia, e a nosa intención agora é repartilo para que serva para outros rapaces. Repartilo en sitios onde vaian a menudo, en centros de ensino, pavillóns ou escolas deportivas, sitios onde a menudo haxa mocidade para que teñan estas mensaxes que non veñen directamente de min, que son un adulto ou dun libro, senón que veñen directamente de compañeiros que tiveron relación con esta sustancia”.

Fernández Lamparte quixo “agradecer moitísimo ao centro polas cinco horas que nos deixou, a Marta Fojo por axudarme cos cuestionarios, e aos 19 chicos que traballaron comigo, que se esforzaron tanto e que o puxeron tan fácil”.