O rexedor explicou que “un dos asuntos importantes para Ribadeo foi darlle luz verde á construción do emisario que falta por facer para a evacuación das augas depuradas da EDAR de Vilaselán. Trátase dun trámite que levaba desde hai dous anos pendente, con diferentes negativas tanto da administración autonómica como estatal á hora de dar unha autorización que finalmente veu dada. E desde o Concello quixemos dar o plácet inmediato para que por parte da Xunta se inicie canto antes a construción deste emisario”.

Suárez Barcia subliñou que “tamén son moi importantes os requisitos que tivemos que autorizar desde o Concello para poñer os terreos a disposición da Xunta, e outros cantos requisitos máis, e que así poida levar adiante a construción de dúas pequenas depuradoras, unha en Porto na parroquia de Vilaosende e outra en Reme de Arriba na parroquia de Covelas”. O alcalde ribadense dixo que “este último núcleo está a verter ao río Grande, que desemboca na ría de Ribadeo e outro practicamente está a verter á ría. Coa posta en marcha destas dúas depuradoras resolveremos nunha parte importante os problemas de saneamento que existen nalgunhas zonas”.  A Xunta executará esas obras en función dun convenio co Ministerio de Medio Ambiente, vinculado aos territorios reservas da biosfera.

O equipo de goberno presentou para o seu debate e aprobación unha moción de urxencia para a creación dunha área sanitaria de xestión integrada da Mariña. Fernando Suárez indicou que “o atropelo que estiveron cometendo durante dous anos, negando e renegando que ían crear unha área sanitaria provincial e que despois de gañar as eleccións autonómicas por unha lexítima maioría cambiaran e se desdixeran de todo canto dixo o presidente da Xunta e a conselleira de Sanidade e que agora o Hospital da Costa vai pasar a ser un grande ambulatorio, pero dependente sempre de Lugo”. Para o rexedor “o triste non é depender de Lugo para que sexa outra área sanitaria pública, senón que todas as derivacións están indo a Lugo, pero á privada. Estase aproveitando a situación de crise enorme e de recortes para impoñer un modelo neoliberal e clasista, de que quen teña diñeiro poida pagar unha sanidade de calidade e o que non terá dereito a unha sanidade modelo beneficencia do século XIX”. A moción presentada polo BNG contou co apoio de PSOE e UPRI e a abstención do PP.

O goberno municipal tamén levou ao pleno as participacións preferentes e subordinadas, “o que plantexamos esixir a derogación do Real Decreto aprobado polo goberno hai poucas semanas e polo que se lles expropia grande parte dos seus aforros ás persoas afectadas por este tipo de participacións, onde se lles confirma a quinta e onde cremos que haberá unha auténtica revolución social no que caso de que isto que está aprobado se chegue a executar”. O pleno aprobou “darlle un prazo a NovaGaliciaBanco dun mes para que proceda a iniciar a devolución íntegra das cantidades estafadas aos aforradores de Ribadeo coas preferentes e subordinadas. De non ser así nós desde o Concello imos proceder á cancelación das contas municipais en NovaGaliciaBanco coa única limitación da preservación dos intereses municipais”.

Fernando Suárez pensa que “estamos diante de momentos complicados, inéditos, nunca pensamos que poderíamos chegar a esta situación. É necesario que as administracións locais deamos pasos precisos para que outras administracións nos sigan. Eu entendo que outros Concellos da Mariña, por non dicir de todo o país, deben facer o mesmo que estamos a facer en Ribadeo”. O alcalde entende que “quen pode resolver agora isto é o goberno do Estado e o goberno da Xunta e nós desde o goberno municipal dixemos ben claro que rexeitamos a violencia contra calquera persoa, pero entendemos e xustificamos que sen presión política esta xente está sentenciada e está condenada. Ao final de todo o debate con intervencións duras e ás veces inxustificadas por parte da portavoz do PP, ao final acabaron retirando a súa proposta e apoiando de xeito unánime, xunto aos outros partidos, a moción que o goberno municipal puxo enriba da mesa”.