O rexedor sinalou que “hai unha circunstancia en Ribadeo que nos está empezando a preocupar. Trátase dunha obra pendente e importante como é a do emisario da estación depuradora de augas residuais. A depuradora está en Vilaselán e funciona moi ben, non temos absolutamente nada que dicir. De feito veu suplir á anterior e agora cuns parámetros de vertido e de depuración moi bos, iso é certo, foi unha actuación moi boa realizada entre o Concello e a Xunta”.

Suárez Barcia subliñou que “tamén é certo que levamos máis de dous agardando por unha parte pendente dese proxecto que é a construción dun emisario que poida levar a auga xa depurada mar a dentro” e advertiu que “a día de hoxe non está a pasar nada aínda que a auga verte ao río directamente porque os parámetros de vertido son moi bos, pero si houbese algún problema, algún corte de luz, algunha incidencia ou si por algunha circunstancia extraordinaria non funcionase o río volvería verse afectado”.

O alcalde de Ribadeo insistiu: “faise necesario que a Xunta de Galicia extreme os seus esforzos en coordinación co Ministerio de Medio Ambiente e que dunha vez por todas liciten esta obra. Estamos a falar duns centos de miles de euros, que a parte de dar traballo aquí á comarca resolvería definitivamente os problemas que puideran xurdir”. Fernando Suárez lembrou que “é algo que estaba contemplado no proxecto, non é algo que agora caprichosamente o alcalde estea a poñer enriba da mesa, senón que é unha necesidade que figura no proxecto e si figura no proxecto hai que facelo”.