O rexedor explicou que “por fin, e finalmente no día de onte, firmouse a acta de replanteo das obras que van comezar a partir de agora para a construción do emisario que vai partir da nova depuradora de Vilaselán. Esta depuradora leva funcionando aproximadamente dous anos, pero é agora cando se vai internar en mar aberto nunha extensión aproximada dun quilómetro e trescentos metros”. Suárez Barcia lembrou que “esta obra era a que quedaba pendente da construción da depuradora, desta construción pola cal no seu momento o Concello puxo os terreos a disposición da Xunta de Galicia para que esta puidese licitar as obras de construción da depuradora. Faltaba precisamente que agora este emisario, despois de numerosas e complicadas autorizacións medio ambientais tanto da Xunta coma do Ministerio, cumprise as condicións”.

O alcalde indicou que “isto vai supoñer de entrada, que a depuradora siga a traballar tan ben coma o fixo ata agora. Hai que recoñecer e lembrar que é unha das mellores depuradoras de todo o Estado con tres niveis de tratamento e incluso cun terceiro nivel de raios ultravioletas que filtra e entrega a auga para unha vez depurada, ser enviada de novo ao medio ambiente nunhas condicións moi boas”. E engadiu que “o emisario faise precisamente porque se algún día e debido a un mal funcionamento, que oxalá non ocorra, polo menos iso poida internarse no mar aberto e non no río de Vilaselán. Esperemos que agora a empresa en pouco tempo, en dous ou tres meses e antes de que veña o inverno de verdade, poida ter concluído este emisario co que rematarían as obras de construción da depuradora de Ribadeo”.