Segundo explicou a concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, “as actividades realizáronse nas aulas cedidas pola Escola de Idiomas de Ribadeo. E este ano contouse ademais cunha voluntaria”. A edil nacionalista sinalou que “se trata dun apoio escolar nos meses de verán para os/as nenos/as incluídos no programa, adaptados dentro do posible ás suas idades. Para os máis pequenos céntrase fundamentalmente na lecto-escritura, repaso das operaciones básicas de matemáticas e comprensión lectora; para todos/as os maiores, case todos teñen tarefas para o verán e tratase de axudalos o máis posible. Apórtase material adaptado a cada un deles, e realízanse traballos xerais para unha ampliación de coñecementos, procúrase ademais facelo de forma lúdica”. Os nenos participaron tamén en xogos populares e educativos.

A responsable de Saúde e Servizos Sociais dixo que “o obxectivo principal é a participación dos pequenos e a responsabilidade dos pais de que éstes asistan, dado que malia ser un período vacacional as obrigas familiares (e académicas en moitos casos) continúan”.

Hoxe como peche deste curso de verán os nenos, as nenas e a educadora familiar Fiamma Prada Lens, acompañada dalgunha nai, realizaron un percorrido en barca pola ría e visitaron o centro de cultivos mariños. Mañá venres ademais organizarán unha pequena festa de despedida.