Na actualidade están iniciándose os traballos de cimentación do novo edificio, unha construción de planta baixa, cunha superficie de 130 metros cadrados, situado no mesmo lugar da parcela. O espazo principal será unha sala multiusos de 90 metros cadrados, habilitada para actividades sociais e culturais. Contará tamén cun trasteiro, dous aseos, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida, e un soportal, que abrirá o edificio á zona de verde e de esparexemento que o rodea.

Desde o goberno municipal sinalan que “a construción deste edificio multiusos reverterá na dinamización e na revitalización da parroquia, e mellorará tamén as condicións de uso do parque e da pista polideportiva descuberta situadas na mesma parcela”.

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, destacou que “con esta obra atendemos unha demanda dos veciños e veciñas da parroquia que mostraron un gran interese por mellorar o espazo no que desenvolvían a súa actividade comunitaria e seguimos a mellorar as infraestruturas e os servizos da zona rural do concello. Este tipo de espazos facilitan o encontro e a vida social, que son fundamentais para a calidade de vida das persoas, especialmente, para as de maior idade que poderán desfrutar aquí do seu tempo en compañía doutras”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, aludiu “ás posibilidades que o novo edificio ofrecerá para a realización das actividades promovidas pola veciñanza e tamén para as iniciativas culturais e lúdicas que impulsamos desde o Concello”.

As obras suporán un investimento de 138.000 euros, financiados a través dun convenio entre o Concello, que destina ao proxecto 40.000 de fondos propios, e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 90.000euros.

Desde o equipo de goberno tamén se quixo facer fincapé no “esforzo económico que supón esta iniciativa, que se encadra dentro das actuacións que se veñen desenvolvendo para facilitar o acceso ao ocio e á cultura a toda a veciñanza, destacando que ao longo do ano, ofrecemos  unha programación cultural,  diversa e de calidade, tamén no rural, e somos conscientes de que levala  a cabo require de espazos axeitados, como será este”.