Concello de Ribadeo

Economía

A situación xeográfica de Ribadeo, no litoral da Mariña lucense, a súa condición de nó artellador das comunicacións por estrada con Asturias e a riqueza dos seus ecosistemas mariños e terrestres converten a este concello nun dos máis prósperos da súa provincia. Analizamos aquí os datos que nos informan sobre a súa situación socioeconómica actual.

En consonancia histórica co carácter comercial de Ribadeo e do seu porto, e reforzado polo crecemento experimentado polos servizos nas últimas décadas, o sector terciario mantense hoxe como o principal motor da economía local, cun 59,3% dos ocupados. O comercio, desde o que é polo míudo ata as grandes transaccións que teñen lugar no porto comercial, e os servizos vencellados á administración, profesións liberais, ocio, turismo… son os causantes de que Ribadeo exerza unha forte atracción económica sobre moitos dos seus concellos próximos, tanto sobre os da súa comarca como sobre os da franxa occidental asturiana.

O porto de Mirasol foi e segue sendo o grande motor comercial de Ribadeo e, dende 2004, grazas a que lle foi concedido un punto de inspección fronteiriza, é o único da costa de Lugo autorizado para o comercio con países externos á UE. Alí descárganse principalmente millo, sal e polpa de remolacha mentres que as mercancías que saen fóra son, sobre todo, area de mina, magnesita, aglomerado e celulosa.

O segundo sector en peso ocupacional é o secundario, que dá traballo ao 24,7% dos ocupados. Cunha distribución practicamente equitativa, o 12,4% dos seus empregados dedícase a actividades industriais, mentres que o 12,3% restante traballa no subsector da construción. O sector industrial está centrado na transformación agropecuaria (onde destaca a Sociedade Cooperativa Irmandiños), na madeireira e na elaboración de prefabricados de formigón, mentres que polo que respecta á construción cómpre destacar que esta actividade se sustenta, principalmente, na demanda de segundas residencias por causa do auxe turístico da Mariña lucense.

O sector primario, co 16% dos ocupados, ten un peso escaso no conxunto da economía local. Entre as caracteristicas fudamentais da agricultura e a gandería ribadense, cabe destacar o incremento no nivel de mecanización a partir dos anos 70, e o posterior proceso de concentración parcelaria nalgunha zona, favorecendo o incremento da productividade. Na actualidade a actividade agrícola e gandeira permanece nas parroquias de Arante, Couxela, Vilausende, Cedofeita e Covelas.

O sector primario ten na gandería, sobre todo no vacún de aproveitamento lácteo, e na produción forestal o seu principal sustento, xa que a pesca, co 2,2% dos ocupados, ten pouca relevancia. Con respecto a esta última actividade, centralizada nos portos de Porcillán e Rinlo, cómpre destacar que entre as especies de maior captura se atopan o polbo, a sardiña, a robaliza, o rape, a pescada, o percebe ou o ourizo, aínda que nos últimos anos gañaron tamén protagonismo a exportación de algas e a cría de ostras.

Boa parte da superficie cultivada do concello está dedicada a prados e pastos permanentes. Isto explícase por unha progresiva reorientación da agricultura de cara a atender a demanda crecente de forraxes para o gando.