A concelleira de Turismo, Ana Martínez, quixo “desde aquí dar as grazas pola colaboración para realizar estas xornadas a José Nogueira, el é enxeñeiro aeronáutico e cunha vinculación familiar a Ribadeo desde hai bastantes anos. Visítanos con frecuencia e incluso aquí tamén ten residencia, na actualidade desenvolve a súa actividade profesional no grupo Airbus en Francia”.

A edil nacionalista subliñou que “quérolle dar especialmente as grazas por elixir Ribadeo para estas xornadas porque ademais o facemos dentro do programa Ribadeo Eventos, é un proxecto que aposta pola promoción da nosa vila como sede de xuntanzas, congresos, seminarios, citas deportivas e todo tipo de reunións de grupo”.

Martínez explicou que “esta clase de eventos de marcado prestixio científico contribúen a consolidar a marca turística Ribadeo á vez que serve tamén para darlle unha maior visibilidade ao noso concello desde o punto de vista turístico. Xerar unha forte e ampla oferta nesta modalidade de turismo permitirá aproveitar unha nova veta do sector que complemente o turismo recreacional, o turismo de peregrinación dos que xa goza o concello e como puidemos ver este verán que colgamos o cartel de completo practicamente toda a tempada estival, darlle a importancia tamén e reforzar unha das actividades económicas máis importantes de todo o noso concello”.

Ana Martínez engadiu que “falando do que son estas xornadas búscase achegar a todo o público e non soamente ao público especializado, senón ao público en xeral porque falamos dunhas xornadas abertas e dun tema tan interesante e actual. Ademais con moitas posibilidades a curto prazo e non soamente nos ámbitos turísticos ou fotográficos senón en ámbitos moi diversos como é o desafío tecnolóxico e social das aeronaves non tripuladas o que coñecemos como drones, e os proxectos que se están a desenvolver en Galicia como é o caso do mais próximo que temos en Rozas, en Lugo, onde se sitúa o primeiro parque tecnolóxico e industrial de naves civís non tripuladas do estado”.

A concelleira de Turismo aproveitou “para recordar que tamén dispón Ribadeo dun aeródromo no que non sei se nun futuro poderemos ver tamén un certo desenvolvemento tecnolóxico aquí preto de Ribadeo en Vilaframil, nese aeródromo que temos aí”.

Pola súa banda o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, quixo “valorarlle a José Nogueira que se acordara de Ribadeo para ter o marco axeitado para esta conferencia ese día do 17 de setembro. Tamén grazas a este programa que dirixe a miña compañeira Ana Martínez, a través de Ribadeo Eventos podemos poñer o mellor de nós, as infraestruturas do Teatro para facer a conferencia, e tamén a vinculación hoteleira”.

O rexedor ribadense subliñou que “isto é moi boa cousa para Ribadeo como así vimos demostrando non soamente no verán senón durante todo o ano, que Ribadeo é un lugar máis aló do verán, é un lugar onde se pode estar e facer unha chea de actividades como é o caso ao longo de todo o ano”.

Suárez Barcia considera que “esta conferencia permitirá ver a importancia que teñen estes temas que están non de moda senón de actualidade porque estamos diante dunha nova revolución. Igual que a finais do século XIX, principios do XX, a revolución era o automóbil e toda a regulación que impoñía ese novo sistema de transporte, agora estamos diante dunha nova revolución que son estes vehículos aéreos, pero que non teñen tripulación. Estamos diante dun debate aberto sobre a súa regulación e cómo poden ser bos para a nosa sociedade”.

O alcalde de Ribadeo asegurou que “desto e doutras cousas máis trata esta conferencia divulgativa que estou convencido de que vai atraer a moita xente máis aló dos propios enxeñeiros aeronáuticos que se van achegar aquí. Hai moita xente e moitos profesionais que están vendo como o mundo dos drones lles pode cambiar positivamente a súa profesión e os conceptos que hai ata o de agora de cómo levar o traballo”.

Finalmente o organizador, José Nogueira, quixo dar “moitas grazas pola colaboración do Concello para presentar unha conferencia de drones aquí en Ribadeo. O contexto dentro do que se desenrola isto é que nós somos unha promoción de enxeñeiros aeronáuticos, e aproximadamente cada dous anos facemos unha celebración. Este ano convencín aos meus colegas para que fixéramos esta celebración en Ribadeo cunha oportunidade de incorporar unha actividade aeronáutica a esta reunión anual nosa. Eu pensei que facer esta conferencia aquí en Ribadeo podía dar unha divulgación duns elementos aeronáuticos que recolle toda a información relacionada cos drones”.

José Nogueira detallou que “para esta conferencia contamos coa colaboración de expertos no que foi o desenrolo de drones en España a través de Marco Ruano que traballa na Universidade Carlos III de Madrid e no grupo Airbus Defensa, e Javier Barcala que traballa en Indra, empresa elixida para desenvolver o proxecto de drones en Galicia promocionado pola Xunta”.

Nogueira dixo que “o contexto é puramente divulgativo e de coñecemento. O obxectivo noso é darlle a coñecer á xente información a cerca de qué son os drones, qué retos tecnolóxicos hai no entorno e qué retos sociais temos tamén coa incorporación de todos estes elementos aeronáuticos”.

E puntualizou que “eu son membro da promoción, terminei a carreira co grupo de enxeñeiros que veñen aquí, e dedícome neste momento a estratexia industrial e non son experto no coñecemento relativo aos drones. Tiven esta idea de facer esta presentación porque creo que é interesante e como teño contactos con xente que podía facelo, afortunadamente expertos na materia estarán aquí en Ribadeo para ofrecer a conferencia”.

Por último José Nogueira manifestou respecto ao número de asistentes previsto á xuntanza que terá lugar en Ribadeo que “neste momento totalmente confirmados hai 25, pero podíamos ser ata 29, a xente ven de toda España e hai algúns que teñen cargos importantes dentro do sector aeronáutico español”.