A Asociación Deportiva de Veteranos do Ribadeo FC é a promotora dunha iniciativa solidaria “que queren que teña continuidade no tempo de forma periódica”, segundo acaba de explicar a concelleira de Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa.

A edil nacionalista sinalou que “esta asociación doou 400 euros para que nas mesas dalgunhas familias non falten algúns alimentos este Nadal. E desde o Concello o que fixemos foi facer vales de compra para gastar nunha peixería e nunha carnicería coa que Asociación Deportiva de Veteranos do Ribadeo FC negociou esta iniciativa solidaria”. Teresa González explicou que “estes vales irán destinados ás familias máis necesitadas coas que estamos a traballar desde o departamento de Servizos Sociais. Elas serán as beneficiarias destes alimentos, que suporán un complemento para a súa cea ou xantar de Nadal”.

A concelleira de Servizos Sociais agradece “o xesto da Asociación Deportiva de Veteranos do Ribadeo FC. Eles queren que non se quede en algo puntual, senón que desexan que teña continuidade no tempo e de xeito periódico”.