Do 19 ao 21 de xullo celébranse en Porcillán as festas do Carme, que contan coa colaboración do Concello de Ribadeo.

190724 festas do carme

Hoxe, venres, haberá festa verbena co Grupo Rubí a partires das 22:30 horas e despois terá lugar un tributo a Juan Pardo a cargo do grupo Xuntos pola Música, formado por Lys Pardo, Antonio Barros, iAlma y Fernando Calderón, e que interpreta grandes cancións compostas por Juan Pardo. Será ás doce da noite.

O sábado ás 12:00 horas celebrarase unha homenaxe aos patróns maiores de Ribadeo, na confraría de pescadores. Ás 13:45 horas empezará a sesión vermú, co grupo Alaska, que tamén actuará na festa verbena xunto ao grupo La Diferencia.

E o domingo haberá misa solemne ás 16:00 horas na igrexa da Atalaia e a continuación empezará a procesión coa imaxe da Virxe do Carme ata o porto de Porcillán, para realizar a continuación a procesión marítima. Estará acompañada coa música do cuarteto tradicional Illa Pancha. De volta ao porto actuará a Coral Polifónica Ribadeo, que interpretará a Salve Mariñeira e outras pezas.

No acto de presentación participaron o alcalde, Dani Vega, e a asociación cultural Festas do Carme, que é a organizadora. O rexedor agradece o traballo realizado por este colectivo “para manter a tradición mariñeira que supón esta cita” á vez que desexa “uns felices festexos á xente do mar e a todas as veciñas, veciños e visitantes, que estes días se queiran achegar a Porcillán a gozar destas festas”.