No informe elaborado para a instrucción do expedente relativo ao nomemento de fillo predilecto de Ribadeo de Víctor Moro sinálase que “Ribadeo ten dado históricamente persoas activas, capaces e dignas da representación desde nobre Concello en Galicia, no Estado e polo mundo adiante. Algúns e algunhas delas teñen destacado en eidos tan importantes e tan distintos como a literatura, a pintura, a náutica, a música, a enxeñería, a política, o comercio, a economía… Precisamente un destes edios, a economía, a súa teoría e a súa praxe foi un dos fundamentos vitais dun destes fillos de Ribadeo”. Víctor Moro foi, entre outras cousas, subdirector xeral do Banco de España e director de Pescanova, ademáis de ter participación na política activa chegando, entre outros cargos, a ser deputado no Congreso pola UCD así coma director xeral de Pesca Marítima. No informe do Concello engádese que “mención especial debe ter o seu compromiso con este Concello e coa súa ría, a ría de Ribadeo, que sendo de todos e todas, divide administrativa e teóricamente unha realidade que as xentes de ambas beiras se encargan de borrar no decorrer do día a día, compartindo relacións comerciais, lingua, cultura e tradicións. Neste caso Víctor Moro foi e é un activo defensor da legalidade, recoñecemento e difusión do topónimo histórico, legal e vixente ría de Ribadeo”.

No caso do nomeamento de Jonh Rutherford como fillo adoptivo de Ribadeo, sinálase que “ao longo dos anos, desde 1960, ciméntase unha relación entre Ribadeo e John Rutherford que o fará implicarse de cheo na vida local, traballando en diferentes facetas do eido cultural. A figura de Rutherford foi recoñecida públicamente por numerosas entidades de todo o territorio galego e nese recoñecemento sempre está presente o seu ribadensismo”. John Rutherford é profesor, investigador e profundo coñecedor da cultura galega. E no tocante ao nomeamento coma fillo adoptivo de José Calavera Ruiz lémbrase que “no ano 1987 tres enxeñeiros de camiños da empresa Intemac, entre eles o Sr.Calavera, realizaron unha primeira visita de inspección e toma de contacto co Torre dos Moreno. Cunha rapidez encomiable, o 17 de decembro, enviaban ao Concello un plan de actuación e nos primeiros meses do ano seguinte comezaron os traballos de mellora, que tiveron que ser paralizados pola negativa de acceso dalgúns propietarios. O amplo estudo realizado fóille entregado ao Concello en 1988. Sería a primeira dunha ampla e continuada colaboración, con diversas e traballosas fases e, algo que nin figura no citado primeiro traballo nin nos posteriores, absolutamente desinteresada e altruista”. O enxeñeiro José Calavera Ruiz leva “un cuarto de século de inquedanzas e dedicación á causa da conservación e rehabilitación da emblemática Torre dos Moreno, cun espíritu xeneroso e altruista”.

No pleno extraordinario desta tarde serán aprobados os tres nomeamentos e o vindeiro domingo, 2 de setembro, noutra sesión plenaria extraordinaria faráselles entrega das distincións. O pleno do domingo será ás 11:30 da mañá.