O rexedor dixo: “tócanos vivir un Día da Patroa moi diferente polas circunstancias de todos coñecidas. Gustaríanos celebrar as nosas festas ao igual que sempre, pero neste 2020 non é posible. Agardo que todos pasemos unha boa xornada, tanto veciños e veciñas coma os visitantes que aínda nos acompañan neste mes de setembro”.

Suárez Barcia recomendou: “aparquemos por unhas horas a vida cotiá e compartamos, seguindo todas as normas sanitarias en vigor, esta xornada cos nosos achegados, familia e amigos, pensando e soñando con que o vindeiro ano todo sexa moito mellor e que as festas na honra de Santa María do Campo, volvan á rúa e gocemos delas coma sempre. Iso quererá dicir que a vella normalidade, que tanto estrañamos, está máis cerca”.

O alcalde asistiu xunto aos edís responsables de Turismo, Igualdade e Medio Ambiente e doutros concelleiros da Corporación Municipal á misa da Patroa, na que actuou a Coral Polifónica de Ribadeo. Os Cocos saíron esta mañá polas rúas da vila e despois da misa fixeron o percorrido comprendido entre a igrexa e o Cantón. Coco e Coca e Cabezudos estiveron acompañados polos grupos de gaitas Illa Pancha e Amigos da Gaita.