O alcalde ribadense declarou que “en Ribadeo somos privilexiados por contarnos cunha fermosísima costa pero todos, tanto ribadenses como os visitantes, temos que ser conscientes das súas especiais características tanto para o bo como para o malo”. 

Suárez Barcia manifestou que “o suceso que ocorreu na mañá de hoxe nas Catedrais é un fenómeno inherente a esta costa, que é derivado da acción da propia natureza que deu orixe precisamente ao que hoxe é As Catedrais, e sen dúbida vai ser moldeado co paso dos anos. Predicir polo tanto estes fenómenos no tempo e no espazo é pouco menos que imposible e está fora do noso alcance”. 

O rexedor considera que “ás distintas administracións soamente nos queda tomar medidas preventivas ao respecto e os veciños e os visitantes da nosa costa teñen que tomar conciencia das mesmas. Polo tanto, desde o Concello de Ribadeo, xa advertimos na entrada de todas as praias do perigo de aproximarse aos cantís. No caso concreto da praia das Catedrais a propia Consellería de Medio Ambiente da Xunta, como xestora deste espazo natural protexido, prohibiu o uso público da parte superior dos cantís despois do tráxico accidente mortal que ocorreu na Semana Santa de 2018, do mesmo xeito que tamén colocou numerosos carteis advertindo deste risco”. 

Fernando Suárez engadiu que “o certo é que As Catedrais non se debería tratar de xeito distinto ao resto da costa cantábrica e os usuarios das praias dos Castros, do Cargadeiro, por poñer un exemplo, que están no mesmo Ribadeo, non deberían ser alleos a esta problemática e levantar a garda aproximándose demasiado aos cantís”.