O rexedor ribadense explicou que “a primeirísima hora desta mañá, aínda ben non abrira o día, produciuse un desprendemento de pedras e terra do noiro deste viario que está contiguo ao porto comercial de Mirasol. Afortunadamente ninguén pasaba por aí nese momento porque foi un desprendemento considerable, está ocupando unha parte importante do que é a calzada”.

Suárez Barcia manifestou que “xa desde primeira hora da mañá contactamos con Portos de Galicia porque este viario é titularidade súa. Dilixentemente os técnicos xa están aí, tamén foi a Garda Civil, a Policía Local, etc… Agora están previndo para facer un estudo xeolóxico sobre se iso está estable ou non. A primeira vista parece que non ten porqué haber máis desprendementos, en todo caso que sexan os técnicos os que determinen se é seguro ou non”.

O alcalde engadiu: “entendo tamén que dentro de pouco unha paleadora terá que vir sacar toda esta pedra e terra para volver abrir isto á circulación. De momento está cortado ao tráfico tanto de vehículos como de persoas. Si que está accesible o tráfico polo porto comercial porque non está afectado ese treito de viario e esperemos que fora só iso, un susto”.