O rexedor dixo que “se trata dun edificio ao principio da rúa Deputación, do que xa se ten falado varias veces nos medios de comunicación dado que é un inmoble polo que o Concello xa lle ten posto aos seus propietarios unha serie de denuncias e sancións económicas por non facer caso e por non cumprir estes principios que son sagrados para nós, que son os de seguridade pública, salubridade pública e ornato público, que todos os edificios deben cumprir. E os seus propietarios, aparte do dereito de ter a propiedade teñen o deber de cumprir estes tres criterios”. Suárez Barcia subliñou que “contra todos aqueles que non o fagan, sexa quen sexa o seu propietario, creo que en Ribadeo estamos dando exemplos sobrados de que actuamos contra todos os que non cumpren estas leis; incluso nestes días estamos actuando nunha edificación en ruínas que finalmente resultou ser do Concello e tamén nosoutros nos estamos aplicando o conto a nosoutros mesmos”.

O alcalde seguiu a explicar que “neste caso concreto da rúa Deputación está tendo un perigo importante para os viandantes e polo tanto desde o Concello, aparte de reiterar as multas, que neste caso xa son moi elevadas, dicirlles a estes propietarios que, non sei se por desavinzas persoais entre varios copropietarios non se poñen de acordo, ao final o Concello chegará aos extremos que sexan, así sexa o embargo de toda a propiedade. Pero non podemos permitir que lle caia un cascallo a alguén na cabeza e que o mate. Iso non pode ser”.

Fernando Suárez advirte que “isto é un aviso para todos os propietarios de inmobles que se encontran nun estado ruinoso ou moi mal conservados en Ribadeo. Temos que seguir actuando como o estamos facendo. Sabemos que se está actuando por parte de moitos propietarios, sabemos que o casco vello de Ribadeo aparte das axudas que pode haber é un lugar dinámico onde moita xente está rehabilitando, pero temos que dicirlle tamén ao resto de propietarios aquela máxima que ven ao caso: o que teña tenda que a atenda e senón que a venda”.

O rexedor confía en que “estas circunstancias sexan xa mínimas e que en pouco tempo Ribadeo, sobre todo o seu casco vello, se encontre nun estado saudable, porque tamén é unha riqueza para todos. Ter un casco vello vivo, saudable, con negocios, con comercio, para que os turistas veñan; en definitiva para que todos vivamos nun Ribadeo máis harmónico”.